Quen somos?

Rouco Son é unha revista de música especialmente centrada no rock de base e emerxente de Galicia. A nosa predilección é o subterráneo, as bandas que crean movemento día a día nas nosas cidades e vilas e que empregan para iso, ben exclusivamente ou entre outras, a lingua galega. A nosa terra ten unha fonda tradición deste tipo de artistas que leva décadas desenvolvéndose e que nunca deixa de xerar novas propostas. Por iso, considerabamos que había espazo para un medio que contase as historias destes e destas artistas, que se centrase nelas, e que o fixese na nosa lingua propia. É por iso tamén que, para nós, os grupos que empregan o galego nas súas letras e na súa actividade artística teñen un peso moi especial, que intentamos reflectir nas nosas páxinas.

A nosa vontade é, pois, apoiar e colaborar con calquera artista que se poida ver representado nalgunha das características antes mencionadas, para así facer medrar o conxunto da nosa escena rock, punk e metal. Non dubidedes en contactar connosco nas nosas redes sociais, que podedes atopar ao pé da páxina, ou no correo electrónico roucoson@gmail.com. Podedes mandarnos información sobre o voso grupo, colectivo, espazo ou proxecto, así coma calquera suxerencia, comentario ou crítica que consideredes!

E, ademais, se tedes interese en colaborar escribindo para a nosa revista, non dubidedes tampouco en contactar connosco. Reportaxes, entrevistas, crónicas, recensións, noticias… Todo isto e máis ten cabida en Rouco Son, sempre que estea escrito en galego e garde relación coa nosa escena, xa sexa coas nosas bandas, cos nosos festivais, coas nosas salas, coas nosas produtoras e promotoras, etc.

Ademais desta web, tamén temos unha edición impresa totalmente de balde, editada por Libre Expresión de Medios de Galicia, LIEXGA media. Repartímola en diferentes puntos de toda Galicia, coma tendas de discos, tendas de instrumentos musicais, estudios de tatuaxes, salas de música, bares, escolas de música, centros sociais… Así que non dubidedes en escribirnos se queredes algún exemplar!

Tamén colaboramos a cotío co programa de radio Galiza Metálica, que podedes escoitar nesta ligazón: https://www.ivoox.com/podcast-galiza-metalica_sq_f11393584_1.html

Podedes saber máis sobre a nosa revista nesta reportaxe propia coa que repasamos a nosa traxectoria: https://roucoson.com/2023/01/02/rouco-son-falamos-de-rock-en-galego/

Aquí tedes algúns dos primeiros números da revista en pdf, por se queredes descargalos (e mesmo imprimilos):

Moitísimas grazas por todo o apoio que nos tedes dado tanto en redes sociais como en persoa, de parte de todo o equipo de Rouco Son. Esta publicación sostense principalmente polo esforzo e a vontade de facer un medio en galego e sobre o rock de Galicia, así que calquera forma de apoio é sempre moi benvida. Apertas!