Maryland, Monoulious DOP ou Carlos Ares, entre os artistas galegos do Son do Camiño 2024

Achégase unha nova edición do Son do Camiño, un dos maiores festivais de Galicia, que terá lugar os días 30 de maio, 31 de maio e 1 de xuño no Monte do Gozo de Compostela. A falta dun mes para tal evento, repasamos os nomes dos solistas e bandas de rock galegas que forman parte do seu cartaz, encabezado por grandes estrelas internacionais como Green Day ou Thirty Seconds to Mars.

Alén do extenso número de DJs que picarán a súa música no escenario Son Electro, entre os que podemos atopar tamén varios nomes galegos, os primeiros artistas do país en subir ao escenario principal, o xoves día 30 de maio, serán Berto, o exmembro do dúo de pop e música urbana Verto, e máis a banda viguesa de power pop e indie rock Maryland. Estes últimos levan xa en activo dende 2008, con múltiples discos ás súas costas. Neles amosan a súa particular mestura de distorsión e melodía, cun toque emo pop froito da influencia de bandas como Weezer. O seu último traballo, Cataratas del Paraíso, é o seu quinto álbum de longa duración, e foi lanzado en 2022 por Subterfuge Records, ao igual que o seu predecesor Resplandor en 2018.

Na xornada do 31 de maio subirá ao escenario principal do Son a banda noiesa Monoulious DOP. A agrupación fundada en 2012 polos amigos Mon e Ula, que uniron os seus nomes inspirados pola película do dúo cómico-musical americano Tenacious D, fai unha música chea de retranca e conta cun bo número de vídeos virais no seu haber. Fan tanto temas propios como parodias de cancións coñecidas, mesturando en clave de humor todo tipo de estilos musicais, dende o pop e o rock ata a música latina. Cabe destacar, ademais, que o seu produtor musical é o estradense Pla Vinseiro (Crisix, ex-Mutant…), que, ademais, actúa en directo con eles tocando a guitarra.

Finalmente, o mesmo día que o produtor catoirán Baiuca, o cantautor coruñés Carlos Ares subirá ás táboas o 1 de xuño. Este mozo cantautor tamén aposta pola mestura de xéneros, e no seu primeiro álbum, Peregrino, lanzado por Sony BMG o pasado febreiro, cobran un gran protagonismo as súas influencias folk. Estas se suman a un cóctel no que xa estaban presentes o pop rock e a música urbana. A carreira en solitario de Ares non para de medrar logo de moitos anos traballando como produtor para diferentes artistas estatais, e agora poderá presentar o seu novo proxecto ante o público dun dos eventos musicais máis concurridos do país.

Todos estes nomes forman parte dun cartaz que inclúe tamén a grandes nomes do reggaeton e a música urbana latinoamericana como J Balvin ou Mike Towers, ó grupo americano de ska punk The Interrupters, ó mítico dúo de synthpop inglés Pet Shop Boys ou a bandas estatais como Arde Bogotá, Love of Lesbian ou La Oreja de Van Gogh.