O Caudal Fest de Lugo ten xa o seu cartaz definitivo por días

O Caudal Fest, o festival que despedirá o verán en Lugo os días 20 e 21 de setembro, xa ten o seu cartaz completo por días. As últimas adicións ao mesmo foron os grupos galegos Lontreira e Carlangas y Los Cubatas, que se suman a unha aliñación encabezada por Amaral, Viva Suecia ou Arde Bogotá. Aínda que no festi predominan estilos como o indie ou o pop rock, o Caudal acubilla a un gran número de bandas de diferentes estilos, e entre elas a 5 agrupacións galegas.

O venres 20 de setembro estará protagonizado por Amaral, Viva Suecia, Carlos Sadness, Varry Brava, Carlangas y Los Cubatas, Huecco, Karavana, Ana Lua Caiano, Xina Mora, Ramón Mirabet e Lontreira. A xornada do sábado 21 será a quenda para Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Ladilla Rusa, Tu Otra Bonita, Siloé, Parkineos, e Monoulious DOP, Dani Dicostas e Querido. O evento reuníu o ano pasado a case 40.000 persoas en Lugo, e este ano agarda un éxito similar.

A banda viguesa Querido

Carlangas y Los Cubatas é a nova banda do exvocalista e guitarrista do grupo indie e punk compostelán Novedades Carminha, Carlos Pereiro «Carlangas». Lontreira, por outra parte, mestura en galego estilos como a electrónica e o folk, e está formada por Adri Coyote, Iván Barral e Héctor Rodríguez (membro tamén de bandas como a viguesa Unliving Sin). Súmanse a outros 3 nomes galegos que xa formaban parte do cartaz, os de Monoulious DOP, Dani Dicostas, e Querido, a banda encabezada polo fillo de Iván Ferreiro, Andrés. Esta última banda presentará o 15 de xuño en Madrid o seu primeiro álbum, Una Nueva Esperanza IV, que sairá o 31 de maio e do que xa puidemos escoitar adiantos como «Al otro lado del Atlántico», «El último pensamiento» ou «Decir adiós». Incluso antes de ter lanzado material algún, a banda de pop rock alternativo suscitou un grande interese en medios de comunicación polo gran parecido entre a voz de Andrés Ferreiro e a do seu pai.