O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar o seu novo videoclip “Cabeiros”, dirixido por Brais Gómez Salvador. Este tema é o derradeiro adianto do vindeiro álbum da banda, Cara os Ceios Incrementes, antes do seu lanzamento o día 9 de xuño polo selo discográfico grego Sleaszy Rider Records. O selo, fundado en 1999 e especializado en música metal internacional, fichou recentemente aos vigueses para editar este traballo, que será o seu cuarto disco e o seu segundo álbum de estudio completo, logo de dous EPs e varios sinxelos e maquetas gravadas dende o seu nacemento en 2016.
“Cabeiros” é un tema que o propio grupo describe como anómalo na súa traxectoria, explorando ritmos máis lentos propios de estilos como o groove metal ou o doom metal. É o último de varios temas que serán incluídos en Cara os Ceios Incrementes e que xa viron a luz previamente. Entre estes, destaca a adaptación do poema homónimo de Florencio Delgado Gurriarán “Hai sede na Nova Galicia”, que lanzaron para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022 e ao que pertence o verso que sirve como título do álbum.
Tamén cabe mencionar a súa versión de “Unha de guerra” do mítico grupo vigués dos anos noventa Desvirgheitors, que conta coa colaboración da baixista orixinal desta última formación Pili Dios e que foi parte da recompilación Ferro e Pedra: Homenaxe aos Precursores, coa que varias bandas renderon tributo a agrupacións galegas pioneiras co motivo do Día das Letras 2023. Esta última canción é incluída no novo álbum do dúo vigués xa como tema extra, ao igual que a súa colaboración con Xosé Luís Méndez Ferrín lanzada en 2021, “Retorno a Tagen Ata”.
O videoclip do tema foi dirixido, gravado e editado por Brais Gómez Salvador, colaborador habitual de Dioivo. Tamén tiveron a súa signatura os videos lanzados polo grupo para as cancións “Lobishomes” (2019), “Golpe por golpe” (2021) e “Retorno a Tagen Ata” (2021). O vídeo foi gravado nas ruinas da finca Villa Solita de Alcabre, unha antiga casa señorial do século XIX de propiedade municipal e rehabilitada para acoller diversas actividades, como os ciclos de concertos veraniegos Curiosidades Solita, nos que tamén participou o propio dúo o ano pasado.
Ademais dos adiantos xa mencionados, o novo álbum de Dioivo incluirá tamén unha musicalización do poema de Darío Xohán Cabana “Que importa que nos craven as cadeas”, incluído orixinalmente no seu libro de 1970 Verbas a un Irmao, coa que o grupo pretendeu homenaxear ao célebre poeta lugués logo do seu falecemento en 2021. Tamén incluirá novas versións de vellos temas da banda que non chegaran a facer parte doutros traballos, como “O rei”, a partir dunha demo do ano 2016, ou “Ata o final”. Esta última pertencía o repertorio de Rust in Peace, o grupo no que militaban os dous membros de Dioivo antes da fundación deste último.
Cara os Ceios Incrementes foi gravado, mesturado e masterizado en Vigo no estudio DS Audio por Dany Soengas, membro de bandas viguesas como Atreides, Skydancer ou Lardelúa. Dioivo leva traballando con el para as súas gravacións dende a de “Retorno a Tagen Ata”, e xa está de novo no seu estudio traballando nun novo proxecto que verá a luz axiña. O baixo da versión de “Unha de Guerra” a cargo de Pili Dios, por outra banda, foi gravado por Jean Marc Van Loo. O deseño do álbum foi realizado polos arxentinos Core76 Studio, que colaboran habitualmente con Sleaszy Rider Records.
Dende que o batería Daniel Valladares Otero e o guitarrista e vocalista Jacobo Mouriño Almeida crearon Dioivo, teñen lanzado varios traballos discográficos. O EP Dioivo I foi autoeditado pola banda en 2016, e incluíu na súa versión en CD o primeiro tema da banda, “Sempre pola morte esperas”, co que puxeron música a Rosalía de Castro. Por outra banda, o álbum Dioivo II e o EP Dioivo III foron lanzados pola discográfica especializada andaluza Darkwoods en 2019 e en 2021 respectivamente. Daniel e Jacobo teñen percorrido toda Galicia presentando a súa proposta en directo, e foron finalistas nas edicións de 2016, 2017 e 2022 do concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia, facéndose co segundo premio do mesmo nas dúas primeiras. O dúo avanzou que anunciará axiña as datas de presentación do álbum en Galicia, e tamén no resto do Estado, onde teñen tocado en localidades como Segovia ou Amurrio.