No Sermos Galiza 2026

Comezamos un novo ano de colaboracións co Sermos Galiza, o suplemento das fins de semana de Nós Diario. Grazas por contar connosco un ano máis!

Sicixia – Cascallos

Sicixia é un novo quinteto de metal de Compostela que se atopa presentando ao vivo o seu primeiro traballo, o EP Cascallos, lanzado dixitalmente de xeito independente a principios de 2025. Despois de datas de presentación no CS O Pichel e a Sala Moon de Compostela, a Fundaçom Artábria de Ferrol, a Sala Filomatic da Coruña e o Pub Transylvania de Vigo, o quinteto compostelán ten aínda dous concertos programados máis por diante. Serán o 30 de xaneiro na Casa das Crechas, de novo na súa cidade, e o 21 de febreiro na ACDE Buril de Sarria. Nestas datas teremos ocasión de seguir desfrutando ao vivo dos catro temas que conforman Cascallos, así como das novas cancións que a banda ten xa preparadas, e incluso de algunha versión, como a que fan da mítica “Kill the king” de Rainbow. O EP foi producido por Pla Vinseiro (Crisix, Mutant, Monoulious DOP, Laura Lamontagne), gravado na Casa do Rock compostelá e mesturado e masterizado nos Xalo Estudios de Ourense. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cae-cidade-cascallos/20260102131144243465.html

Boogies – Sentimentos

Boogies é un tamén novo grupo punk da Guarda, presentado en sociedade en verán do xa pasado ano 2025 cun par de concertos na súa vila. Despois do adianto de “Camiño” o 19 de decembro, o 20 de xaneiro saíu finalmente o seu primeiro traballo, Sentimentos. Trátase dunha maqueta de 5 temas que vén acompañada do videoclip do tema “Fedorento”, gravado na Guarda por Saúl Martínez. O trío está formado por Brais Verde na batería, Hugo Aldea no baixo e Germán Mauri na guitarra, compartindo estes dous últimos os labores vocais. Xuntos practican un punk rock influído polo surf rock e mais o rock de garaxe, cun son polo tanto retro pero á vez moderno e alternativo. As súas letras, integramente en galego, tratan principalmente temas persoais e intimistas, aínda que tamén hai sitio para amosar o seu orgullo local e eloxiar a guardesa praia Fedorento no tema homónimo. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/only-locals-fedorento/20260206111218246546.html

Baleas – Bokeh

Baleas é un novo quinteto de post-rock e post-metal de Vigo que se atopa presentando ao vivo o seu último EP, Bokeh, lanzado a finais do pasado ano 2025. A súa formación está integrada por María Velasco ao baixo, Sara Cabaleiro á batería, Adrián Campo ó teclado e mais Diego García e Daniel Balseiro (tamén encargado de gravar o disco) ás guitarras. Dende a presentación pública do proxecto no verán de hai dous anos, este caracterízase por unha música instrumental que autodefinen como “brutal pop”: sons enigmáticos e evocadores mestúranse con melodías atmosféricas e etéreas sobre ritmos que pasan do máis ambiental ao potente e viceversa . O EP comeza co tema “Gaijin”, segue con “Ammil” e remata coa máis longa “HSAM”, aínda que o estilo da banda préstase a escoitar o traballo de principio ao fin de xeito en que os temas flúen entre si con pausas que non son máis que unha parte natural e fundamental da música. Variado, redondo e cautivador, deixa con ganas de máis, especialmente de ver do que serán capaces de facer cun álbum enteiro. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/post-rock-canto-das-baleas/20260306172114249562.html

Urko – Capítulo II A Semente do Caos

Urko é un trío compostelán de groove metal en galego con influencias que van do hardcore pesado ao metal alternativo ou o thrash. Naceu en 2020 e comezou a visibilizarse públicamente máis a partir do verán de 2022, pero afunde as súas raíces ata case as orixes do metal en galego: O seu vocalista e guitarrista Mario César Vila foi membro de Túzaros, InVivo, e Deseqilibrio Mental, mentres que o batería Fulas procede de Tungsteno ou Flúe, e o baixista Pat, de Medomedá, Biribirlocke e tamén Flúe. Este primeiro álbum da banda, Capítulo II A Semente do Caos, foi gravado por Diego López nos estudios Gastrar de Boqueixón en 2025, e conta con varias colaboracións. Mini Rivas (A Quenlla, Fuxan os Ventos) aporta a recitación da intro homónima, José Ledo un solo de guitarra na sexta pista “Flor de Lirio” e David Nández o piano na outro “Conta atrás”. O disco dura uns 40 minutos e, quitando intro e outro, inclúe 8 cancións. A portada é de Nando Vázquez. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/a-semente-do-caos/20260402120453252285.html

Derradeiro Nível – O Alvorar de Tudo

Derradeiro Nível é un quinteto de hardcore pesado caracterizado polas súas letras en galego e o seu compromiso straight edge. Contando apenas cun par de anos de historia, a banda xa sacou unha demo de 5 temas en verán de 2024, e o pasado 13 de febreiro editaron o seu primeiro EP. Trátase dun lanzamento conxunto entre diversos selos: o catalán Cruzade Records, os vascos XCementerioX e In My Heart Empire, o portugués Lisboa Straight Edge, o galego Coida dos Teus, o arxentino Oath Records, o indonesio Diorama Records e o francés Busting Heads Records. O disco está xa dispoñible en CD e dixitalmente, e axiña estará tamén en vinilo de 12 pulgadas e en cinta. Con 6 temas e case 16 minutos de duración, segue unha estrutura similar á da maqueta do grupo, e tamén foi gravado polos seus propios membros, aínda que esta vez conta con masterización do estadounidense Anthony Burke. De novo, presentan un estilo de hardcore punk potente e metalizado con cancións breves e concisas e textos en galego reintegracionista. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/hardcore-straight-edge-galego/20260501105802255135.html

Nin a Tiros – As Arañas Beixan en Silencio

Nin a Tiros é un quinteto compostelán que mestura groove metal e hardcore pesado e que vén de lanzar un novo disco titulado As arañas beixan en silencio. En 2017 gravaron o seu primeiro sinxelo e dende entón teñen públicado dous traballos compartidos con outras bandas e (agora) tres EPs, sendo este último lanzamento o que pecha a triloxía iniciada por NaT en 2018 e continuada por Na hora do lobo en 2022. Consta de 6 temas de entre 2 e preto de 6 minutos de duración para un total duns 25 minutos. Todos eles, con letras en galego, como é norma para Nin a Tiros. A canción homónima e segunda pista do disco, na que colabora nos sintetizadores Victor Vilachán, conta cun videoclip autoproducido, o terceiro da banda. Foi dirixido por Ángel Martíne Domaica e contou coa participación de Ana Dorrego, Carlos Martínez Casanova, Uxía Rodríguez e Jose Vidal. Foi gravado no centro social A Casa Branca e máis no Monte Pedroso. A letra escura, persoal, gótica e metafórica marca o ton xeral para a lírica do resto do traballo (e en xeral da discografía do grupo). Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/novo-ep-nin-tiros/20260605152816258595.html

Coida dos Teus Apresenta Galiza Hardcore Vol. 1

Galiza Hardcore Vol. 1 é o título da compilación de bandas de hardcore en galego editada polo selo Coida dos Teus. O disco, con 8 temas e 18 minutos de duración, reúne tanto a grupos novos como a outros con varios anos de traxectoria e mesmo que volven da inactividade para participar neste compilado despois de moitos anos. Abrangue diferentes subestilos dentro do hardcore punk, con predominancia do hardcore pesado e metálico. Foi presentado ao vivo o pasado sábado 27 de xuño na viguesa Fábrica de Chocolate por 5 das formacións participantes: Sentenza, xCausax, Derradeiro Nível, Fractura, e Sem Resposta no seu concerto de reunión. Participan así mesmo Madame Germen, Kalashnikov e Contra. As cancións foron masterizadas por Pablo Campos (guitarrista de Dreadcult) en Bleidd Audio, e a portada é de Pruden Tattoo. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/union-do-hardcore-galego/20260706145920261121.html

Meigallo, Corteza Inhumana e M.U.G.R.E. – Tres Bifurcacións do Mesmo Sendeiro

Tres bandas de metal extremo afincadas en Vigo únense neste disco compartido, titulado Tres Bifurcacións do Mesmo Sendeiro e editado en CD polo selo Loita Underground. Falamos do cuarteto de black/thrash metal Corteza Inhumana, do proxecto unipersoal de black metal Meigallo e do tamén proxecto unipersoal de death/grind M.U.G.R.E. As tres veñen de participar, ademais, na compilación XXV Invernos na Fraga Sombría: Tributo a Xerión, que veu a luz no Día da Matria e na que, xunto a outras 11 agrupacións, renden homenaxe a este dúo pioneiro do black metal en galego con motivo do seu 25 aniversario. En resumo, Tres Bifurcacións do Mesmo Sendeiro é un traballo escuro, crú e sen compromisos, feito por e para fans do metal máis extremo e underground. 7 cancións de black, thrash, death e grind cheas de riffs memorables, agresivos e fríos para compensar a luminosidade e a calor deste verán. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/meigallo-m-u-g-r-corteza-inhumana/20260731112030263429.amp.html

Xerión – Escusalha

Un mes antes de que saíse por sorpresa o tributo XXV Invernos na Fraga Sombría, o dúo ourensán de black/folk metal lanzou dixitalmente o seu propio repaso dos seus 25 anos de carreira. Titulado Escusalha, pois foi gravado no estudio Escusalla Sonora por Javier Vicalo, recolle 8 temas de Xerión gravados nos últimos meses pola formación actual da banda: Daga nos instrumentos de tecla e Nocturno nas guitarras, nas voces e nas programacións, coa colaboración de Lux na viola de gamba e O Rei Celta no Exilio na gaita irlandesa. As cancións elixidas pertencen orixinalmente a discos que van dende a primeira maqueta O Espírito da Fraga (2001) ata o EP Sombras nas Pedras do Dragom do Tempo (2023), pasando por traballos como O Trono de Breogán, Ulfxurz, Escarnio, Maldizer e Morte, O Nada no Caos Infinito, Morgana ou Lamento Luminiscente. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/xerion-repasa-25-anos-traxectoria/20260828110129265417.html

Apolo18 – Intentos de Facer Vida

A nova banda coruñesa Apolo18 está dando moito de que falar ultimamente. Formada na Coruña por 5 rapaces que apenas chegan á vintena, practica un particular rock alternativo en galego que ten neste primeiro EP, titulado Intentos de facer vida, o seu primeiro testemuño sonoro. Saíu dixitalmente o 5 de xuño da man do selo Raso Estudio (Baiuca, Ortiga, Carlangas, Antía Muíño…), aínda que previamente xa viran a luz como adiantos a meirande parte das súas cancións, que xunto cos seus concertos contribuíron a xerar gran expectación nas escenas coruñesa e galega. O quinteto está formado por Antón no baixo, Noel na batería, Hugo na guitarra, o oleirés Rafa na outra guitarra e o bergantiñán Iago na voz. Xuntos mesturan estilos como o noise rock ou o shoegaze, influidos por bandas galegas como Triángulo de Amor Bizarro ou Grande Amore e internacionais como Sonic Youth, Slowdive, The Jesus & Mary Chain, Melvins, Los Planetas, My Bloody Valentine, Slint, American Football ou Nirvana. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/apolo18-chega-lua/20260925103428267686.html

Herba – Tapete Roto

O último álbum de Herba, Tapete Roto, será tamén o derradeiro. O trío galego de screamo vén de dar no TronkoBar, na parroquia pontevedresa de Lourizán, un dos seus dous concertos de despedida antes da súa disolución definitiva, cunha nova formación integrada por Melo na guitarra e a voz, Esteban no baixo e Raúl (vocalista de Cividade Hill) na batería. Porén, este concerto serviu tamén como presentación da banda sucesora de Herba, chamada Árbores. Antes de falarvos deste novo grupo non podemos perder a ocasión de falar tamén de Tapete Roto, gravado por Melo xunto a Abel na batería e Jose no baixo. Este traballo é a culminación da breve pero prolífica traxectoria de Herba, que dende 2024 sacou dous álbumes, unha compilación e moitos lanzamentos adicionais. Condensa á perfección, polo tanto, a mestura de estilos como o emocrust, o emoviolence, o hardcore ou o black metal practicada polo trío afincado en Pontevedra. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/sermos/musica/arbores-que-agroman-entre-herba/20261023113028270053.html

Final Infinito – A Noxsx Amigxs

Final Infinito é un trío anarcopunk formado en 2026 a medio camiño entre varias localidades do sur galego. Definen a súa música como pop para punks, mesturando estilos que van dende o post-punk máis melódico ata o hardcore. A nosxs amigxs saíu en vinilo o 18 de outubro da man de diferentes selos estatais: Pifia Records, Ruido y Pasión Records, Uri Geller Records e Andalucía Über Alles. É o primeiro traballo de estudio da banda, logo de autoeditar unha primeira demo a finais de 2025. O grupo está formado por Alén no baixo (Lamprea Explosiva, Giusseppe), Dani na batería e Miguel na guitarra. Estes últimos fan parte tamén do cuarteto emocrust Tenue, explorando en Final Infinito unha faceta máis accesible e crúa do punk, como fixeron previamente en bandas como Inesperanza, Mal ou Fascismo. Iso si, en todas estas bandas hai varios fíos comúns clave, como o compromiso anarquista e antifascista ou o uso do galego nas súas letras. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/sermos/musica/porta-aberta-cara-ao-infinito/20261120130012272329.html