Para Entrar a Vivir, unha banda de pop rock de nova creación pero que conta con vellos coñecidos da escena nas súas filas, vén de lanzar o seu primeiro traballo, un miniálbum homónimo de 8 cancións que axiña comezarán a presentar ao vivo. O propio grupo define as cancións deste disco como “básicas no enfoque conceptual pero profundas no musical”, e, con elas, prometen darnos “un concerto enérxico e fluído ao mesmo tempo”.
A banda está formada por Daniel Vidal á voz principal e guitarra, Willy Prada ao baixo e Víctor Franco á batería, músicos cunha ampla traxectoria na escena musical de Vigo e arredores. Con anos de experiencia ás súas costas, decidiron unir forzas para dar vida a este novo proxecto, no que practican pop rock e indie rock, con influencias tamén do blues rock. Manifestan pois a súa intención de “fusionar influencias do rock clásico e do contemporáneo”. A un nivel lírico, o repertorio da banda, formado por cancións orixinais, aborda “temas universais e emocións humanas”.
Con novos concertos previstos para os próximos meses, as datas dos mesmos será anunciadas axiña, segundo indican dende o grupo e dende a súa promotora WPrada Eventos. “Estamos encantados de presentar as nosas novas cancións e compartir a nosa paixón pola música con toda a xente posible. O noso obxectivo é crear unha boa conexión co público a través da nosa música, e esperamos que cada nota resoe nos seus corazóns e os inspire a seguir os seus propios soños”, sinalan.
