“Si, quero”, o novo sinxelo e videoclip de Buxa

O pasado día 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Buxa publicou o seu último videoclip, do tema “Si, quero”. O vídeo trata, explica a banda, “sobre a xeración e xestión irresponsable de residuos e sobre algúns dos problemas derivados desta situación”. Esta canción pretende ser a súa “pequena aportación para concienciar á sociedade da importancia de botar o freo ó desenvolvemento insustentable e á degradación do noso planeta”. A obra foi realizada e completamente autoeditada pola banda, tanto na música como nas imaxes, exceptuando os vídeos aéreos tomados nun vertedoiro de Indonesia, pertencentes a un repositorio online de imaxes.

Buxa é unha banda de post rock instrumental con influencias do stoner metal fundada no Grove. Está formada por Marcos Pou na batería, Paco Míguez no baixo ,e Alex R. Moreira e Rodrigo Trigo nas guitarras, e están comezando o seu percorrido polos escenarios tras anos de composicións e ensaios. A banda xurdiu en 2018, “basicamente pola necesidade vital de facer música e divertírense tocando”, explica a propia banda. As súas maiores influencias ou referencias “veñen da década dos 90, dos sons característicos deses anos, de diversos estilos como poden ser o rock progresivo, o grunge, o stoner, o metal ou incluso o pop, entre outros”, indican. O seu principal obxectivo dende os comenzos foi “acadar ese son propio que nos identifique, tendo en conta todas as nosas referencias musicais dende unha perspectiva actual, e aplicalo en temas que van avanzando por distintas partes con diferentes texturas sonoras”.

O protagonismo na súa música recae na mestura de “sons pesados” con melodías que “fan de fío condutor ó longo das composicións”, tratando así de “contar unha historia a base de xogar cos sons, cos ritmos e coas dinámicas”. Teñen cinco sinxelos, con sete temas autoeditados en total, publicados en plataformas de música en liña. En 2022 lanzaron”Mestre”, que foi o seu primeiro videoclip, realizado en colaboración coa productora SIRADELLAfilms. Foi presentado o sábado 29 de outubro de 2022 no auditorio municipal do Grove, nun acto colectivo de homenaxe realizado para conmemorar o centenario, no seu 101 cabodano por mor da pandemia, do falecemento do escritor Luís Antonio Mestre. Teñen pasado pola Festa do Marisco ou o Mercado de Nadal do Grove, polo pontevedrés Tronkobar ou pola canguesa Sala Son, e en setembro estarán no Pub Transylvania de Vigo como parte do Vigo Psych Fest.