Naitinain presenta o álbum Pa Que Lo Entiendas

Naitinain é un proxecto musical fincado en Compostela, que mestura pop e rock con sons procedentes da música tradicional galega, incorporando así elementos como a gaita e a frauta. Ademais, o grupo, que vén de lanzar o álbum Pa Que Lo Entiendas, expresa a través das súas letras unha mensaxe que definen como “real e crúa sobre as emocións e situacións que calquera persoa pode experimentar na súa vida, especialmente atendendo ás inquietudes da mocidade de hoxe en día”, da que forman parte.

Todos os membros do grupo naceron no ano 1999, feito que dá nome ao grupo. “Sen ter moita idea de nada”, sinalan, Álvaro (voz), Óscar (gaita, baixo e frauta), Pedro (guitarra), Unai (guitarra) e Carlos (batería) comezan, en 2018, a facer versións e pequenos concertos para o seu círculo próximo. Co paso do tempo, a idea de darlle unha nova vida aos sons tradicionais da cultura galega, a través do rock alternativo e o pop rock, vaise facendo máis presente, e desta forma nace o seu primeiro disco en 2020, Falling; un EP de seis cancións en inglés, idioma escollido “de forma case instintiva”, co que deron os seus primeiros pasos no mundo da música, logrando ter unha boa recepción a nivel local.

É a partir do ano 2021 cando a banda decide renovar o seu concepto e pasar a cantar en castelán, comezando a traballar no novo disco Pa Que Lo Entiendas. Os sinxelos presentados ao longo do 2022, como “Matacrilato” co seu correspondente videoclip, permiten ao grupo xerar un maior impacto, dándolles a oportunidade de presentar a súa música en escenarios como os do Festival da Luz ou o da sala Malatesta, entre outros. E é agora en 2023 cando, a base e a aprendizaxe obtido, lanzan o que é “proxecto máis importante” de Naitinain, caracterizado por un estilo musical que difinen como “máis traballado, que chega directo ao corpo do que escoita, que se fai entender en por si, descarado e para todos os oídos”.