O Festival SonRías Baixas celebrará axiña o seu 20 aniversario cunha nova edición, que terá lugar, como é habitual, a principios de agosto, durante os días 3, 4 e 5 na vila de Bueu. O cartel, encabezado por Natos y Waor, La Pegatina e Macaco, aposta de novo por unha proposta musical ecléctica, na que teñen cabida xéneros tan variados como o rock, os sons urbanos, a electrónica, a rumba ou o ska, e que completan máis de vinte artistas. Aos xa citados súmanse Arde Bogotá, Boikot, Dubioza Kolektiv, ETS, La Ganga Calé, LaMontagne&PicoAmperio, Lendakaris Muertos, Lia Kali, María de Juan, Muyayo Rif, Ninhodelosrecaos, Queral tLahoz, Samuraï, Santa Salut, Tremenda Jauría, 30S40S50S, e unha representación galega formada por Lamatumbá, Cool Nenas, Grande Amore e Ortiga e Pili Pampín. Estes artistas poñen o broche de ouro a esta aliñación para conmemorar o vixésimo aniversario e na que se combinan artistas consagradas con décadas de traxectoria e artistas revelación do panorama reciente.
A venda de entradas para o festival promovido pola promotora PlayPlan segue dispoñible na web do festival e a través da web Enterticket. O proceso de compra dos abonos inclúe a opción de engadir a zona de acampada, gratuíta, e situada a tan só 150 metros da praia e do propio festival, e que este ano como novidade estará aberta a partir do mércores día 2, a xornada previa a que a música comece a soar en Bueu.
O veterano grupo galego Lamatumbá foi unha das dúas últimas incorporacións ao cartaz en maio, e con este concerto volve aos escenarios para deixar claro que seguen coas mesmas ganas de festa e verbena que en 1998, ano no que comezou a súa carreira musical. A agrupación mestura estilos na súa música estilos como o rock, o pop, o ska, o reagge ou diversos estilos de música latina. Pola súa banda, a outra das últimas incorporacións foi o dúo formado por Ortiga e Pili Pampín. Estes uníronse aos artistas galegos xa confirmados Grande Amore, coa súa mestura do música electrónica e pop rock, e Cool Nenas, o trío formado polas xa de por si coñecidas artistas galegas Mariagrep e dani xunto á canaria Kimberly Tell e que promete pinchar unha selección de temazos para non parar de bailar.
