Dreadcult é unha nova banda de metalcore viguesa, que conta nas súas filas con membros de agrupacións como We Ride ou Agónica, entre outras. O quinteto acaba de lanzar o seu primeiro videoclip, “XI”, que é tamén o primeiro adianto do que será o seu primeiro EP, titulado ROT. Este disco composto por 6 temas sairá á rúa o vindeiro 21 de setembro, e o seguinte adianto poderemos disfrutalo xa o 31 de agosto, data na que sairá o tema “Lonely Misery”.
Dende a propia banda definen o seu estilo como un “metal/hardcore moderno na onda de bandas como Alpha Wolf, Knocked Loose ou Dealer”, un “metal agresivo”. O seu EP ROT comezou a xestarse durante os inicios da pandemia, nun momento nos que os membros do grupo, provintes de bandas de estilos como o hardcore punk ou o death metal melódico, estaban “buscando novos camiños da música pesada”, sinalan. A pesar de que a banda naceu como tal hai catro anos, foi hai apenas uns poucos meses cando se comezou presentar en sociedade en redes sociais, e agora con este primeiro tema e o disco en camiño, a maquinaria parece estar xa definitivamente en marcha.
As 6 cancións que comporán o primeiro traballo de Dreadcult están, nas súas palabras, “empapadas de influencias de multitude de xéneros, dende o hardcore máis clásico, ata o deathcore máis duro”, pasando polo “metalcore moderno” que en definitiva os engloba. Os concertos de presentación do disco comezarán a partir do 29 de setembro en Galicia e Portugal.
“XI” foi producido, mesturado e masterizado por Pablo Campos, mentres que o seu correspondente videoclip foi gravado por Víctor Rodríguez, que tamén se encargou da edición do mesmo xunto a Jesús Groba. Bastian Rodríguez, por outra banda, encargouse dos efectos visuais. O vídeo foi subido pola canle de youtube especializada en música rock BVTV Music.