As bandas galegas no Resu 2023, parte 1: Youcanthide, Display of Power, Leftlovers

Inicialmente, a finais de 2022, o Resurrection Fest de Viveiro anunciou o seu cartaz para 2023 con catro bandas galegas, sinalando que as confirmacións restantes serían só internacionais; as elexidas foran Youcanthide, Dark Embrace, Deleiba e Sangre de Muérdago. Porén, a primeira excepción chegou uns meses despois co anuncio do cartaz “definitivo”, que incorporaba tamén a Dismal. Non sería a última, pois apenas unha semana antes do inicio do festival chegaba unha nova sorpresa, co anuncio da incorporación dos locais Back in Town e da banda tributo coruñesa Display of Power. E, xa comezado o propio festi, esta vez fóra do cartaz principal, puidemos descubrir que habería tamén concertos no “bulevar” da entrada, nos que poderíamos gozar doutras dúas bandas galegas, Leftlovers e Keepers. Así que, en definitiva, foron 9 os grupos anfitrións que puidemos desfrutar no festival de metal, punk e rock máis concurrido de Galicia, o Resu.

Rouco Son estivo alí un ano máis para falarvos destas agrupacións e os seus concertos no festival, unha das maiores oportunidades que pode ter unha banda de por aquí para darse a coñecer ante unha audiencia moi considerable sen saír das nosas fronteiras. A representación galega no Resu foi, un ano máis, diversa e á sobradamente á altura do resto de bandas presentes no evento, e agardamos que medre cada vez máis en vindeiras edicións. Nesta primeira parte da serie de crónicas que faremos para que tanto a xente que asistiu ao festival como a que non o puido facer poida coñecer a fondo estas bandas falaremos concretamente das tres primeiras en tocar: Youcanthide, Display of Power e Leftlovers.

Dúas delas tocaron o mércores 28 de xuño, no primeiro día de festival, e a terceira delas o xoves 29. A primeira foi Youcanthide, que, de feito, foi a banda encargada de estrear o escenario Desert, que foi o que congregou á meirande parte das bandas galegas nesta edición. A segunda, Display of Power, que pola contra foi a última banda en actuar ese día no festival, no chamado Ritual Stage. E a terceira, Leftlovers, que actuou no Resurrection Fest Boulevard á media tarde do xoves.

Kaixo, vocalista de Youcanthide. Foto de Vasco Rodrigues

Youcanthide foi, pois, a primeira banda galega en subir ao escenario do Resu 2023. Fixéronno ás 15:55 no Desert Stage, despois de que Lampr3a e Endwalker estrearan os escenarios Ritual e Chaos e á vez que a veterana banda catalá Ktulu no escenario principal. Aínda que o escenario Desert acolle normalmente a bandas de estilos como son o doom metal, o post-rock, o rock psicodélico ou o stoner metal, tamén tivo sitio para o potente rock alternativo deste quintento vigués. O seu estilo tamén podería ter encaixado perfectamente no escenario Chaos, no que, de feito, se anunciara que ían tocar cando saíu o primeiro adianto do cartaz en novembro de 2022. Porén, este escenario especializado en punk rock ou hardcore, en contraste coa edición do ano pasado, non acolleu o concerto de ningunha banda galega nesta ocasión. Tampouco houbo ningún concerto galego no chamado Main Stage, aínda que isto xa é algo máis habitual. Agardamos que axiña as bandas de Galicia suban tamén regularmente ao escenario principal do festival.

Adrián Rodríguez, un dos guitarristas da banda. Foto de Vasco Rodrigues

Como xa indicamos na reportaxe que fixemos sobre o primeiro adianto do cartaz do festival, Youcanthide é unha banda fundada en 2019 por Kaixo, vocalista procedente de xéneros como o trap, e os membros da banda punk de garaxe Kings of the Beach: Samuel, Yago e Adrián (estes dous últimos tamén membros do dúo Dientes). A eles sumóuselles máis recentemente un segundo guitarrista, Brais, procendente do trío de rock alternativo Karma Animal ou da agrupación de ska punk Liska. En defnitiva, 5 músicos vigueses de diferentes procedencias que decidiron xuntarse para explorar un estilo novo para eles.

O quinteto deu un concerto tremendamente enérxico incluso para os estándares do festival, conseguindo que os asistentes o deran todo no mosh pit ao pesar de que o horario non era o máis favorable, algo que non calquera banda consegue. Isto foi aínda máis meritorio tendo en conta a desventaxe engadida que supuxo tocar á vez que está tendo lugar un concerto no escenario principal, o que dispón de más medios e cuxos concertos son os máis promocionados polo propio festival. A pesar diso, o seu recital contou cunha máis que nutrida asistencia. E non só o deron todo os espectadores, senón tamén os músicos “enriba” do escenario; non pararon de moverse, de bailar e mesmo de saltar ao público ao longo de todo o concerto.

O tamén guitarrista Brais Quevedo. Foto de Vasco Rodrigues

O seu estilo de rock alternativo, marcadamente punky e ata post-hardcore, traía tamén á mente a iso que nos anos noventa se deu en chamar nu metal, unha etiqueta que se empregou para agrupar a unha ampla mestura de influencias do hardcore, o hip hop, o punk e o metal na que tamén podemos encontrar aos vigueses. Especialmente, en cancións como “9 gates”, o seu último sinxelo e un dos adianto do que será o seu próximo disco, Guerra. Este disco, como xa nos avanzaron, verá a luz finalmente en novembro deste mesmo ano. Non faltaron no repertorio da banda no concerto sinxelos como “5 eyes”, lanzado en 2022, ou “Alone”, pertencente ao seu álbum homónimo de 2020. Este traballo completo de estudio lanzado en pandemia é o primeiro e ata o momento último da discografía do grupo.

Este concerto de Youcanthide foi moi especial por diversos motivos. Primeiramente, por ser o último que ata o momento deu a banda previo ao lanzamento de Guerra. O quinteto non ten ningún outro bolo programado ata entón, o cal é infrecuente tendo en conta, que, como xa se pode avidiñar polas credenciais dos seus membros, poden presumir dun amplo percorrido por diversos festivais galegos, que nestas datas agroman por todas partes no país. Segundamente, por supoñer finalmente a consumación dese “Kaixo Resurrection Fest” que xa cantara o artista vigués hai seis anos e medio xunto ao rapeiro madrileño Recycled J en “I don’t care”. E, finalmente, pola propia condición do Resu de evento máis concurrido polos seguidores do hardcore, o punk ou o metal en Galicia. Os membros de Youcanthide, xa sexa con este ou con outros proxectos, visitaban o seu escenario por primeira vez, sendo este un fito destacable para calquera banda, galega ou non.

Kaixo xunto a Yago Guirado, baixista da banda. Foto de Vasco Rodrigues

Rematado o concerto de Youcanthide, habería que agardar case dez horas para ver á seguinte banda galega. Neste caso, Display of Power subirse ao escenario Ritual, o máis especializado en metal, ás 2:20 da madrugada, unha vez rematado o concerto do cabeza de cartel Ghost no escenario principal. Esta banda tributo a Pantera procedente da Coruña puido tocar sen competencia de ningún outro escenario, e aínda que moita xente abandoou, como é normal, o recinto despois de ver a Ghost dada a hora, un gran número de fans con ganas de festa quedaron para desfrutar do seu concerto. Son xa experimentados no que a tocar no Resu se refire, posto que esta foi a súa cuarta visita.

O primeiro que chama a atención de que o Resu contase nesta edición con Display of Power é o feito de que a propia Pantera, a banda á que renden tributo, tocaba no festival, sendo a cabeza de cartaz do xoves 29 de xuño. A celebérrima banda estadounidense de groove metal atópase en plena xira de reunión logo de 20 anos afastada dos escenarios por mor, primeiro, da súa disolución en 2003, e logo, do asasinato do seu guitarrista Dimebag Darrel en 2004 e a morte do seu batería e irmán do anterior Vinnie Paul en 2018. Polo tanto, o seu tratábase dun dos regresos máis agardados da historia do metal. Quizais precisamente por isto, non era suficiente a hora e media de concerto que deron os de Texas, polo que Display or Power ofreceu outra hora de quecemento o día anterior con moitos dos mellores temas da banda americana. De feito, non só compartiron escenario no Resu, senón tamén pouco antes no Hellfest francés.

Pantera, conformada nesta ocasión polos dous membros orixinais Rex Brown e Phil Anselmo e acompañados de Zakk Wylde e Charlie Benante como apoio en directo, leva toda esta xira de reunión tocando un set list moi completo con basicamente todos os principais temas clásicos dos cinco últimos álbumes de estudio da banda. Polo tanto, Display of Power atopáronse co dilema de se tocar eles tamén os temas máis míticos ou interpretar as cancións que quedaron fóra do set da banda oficial, dilema que de feito trasladaron aos seus seguidores en redes sociais. Finalmente, os coruñeses optaron precisamente por tocar moitos destes temas menos coñecidos, pero sen tampouco descoidar os clásicos que todos os asistentes sabían. Así, lograron que o que podería ser unha mera copia do espectáculo da banda noventeira fose en vez diso un complemento perfecto á súa actuación. E o

Hai que ter en conta tamén que, a pesar de ser estes Cowboys From Hell (frase identificativa que tamén empregan a cotío) coruñeses un grupo tributo, que por certo celebrou no Resu a súa despedida dos escenarios despois de dúas décadas en activo, os seus membros proceden de varias destacadas bandas da zona da Coruña. Tanto antes como despois de fundar o tributo, que toma o seu nome do sexto álbum de estudio de Pantera Vulgar Display of Power (1992), o segundo dos que a banda texana considera “oficiais”, os integrantes do cuarteto fixeron parte de formacións de moi diferentes estilos.

O grupo foi fundado en 2002 polo guitarrista Roi Gil, o baixista Diego Louro o batería David Edreira, que xa coincidiran na banda de nu metal en galego Meninhos da Rúa e no grupo de rock industrial The Energy Of Each Thing (TEOET). Logo uniríase ao grupo Alberto Castaño, da banda de grindcore Hashashin e que logo formaría tamén parte de C’mon Baby Destroy ou La Hydra. Edreira sería posteriormente sustituído por José Vilas, batería de bandas como TST. Ademais, en 2015, Castaño e Gil fundarían tamén a banda de metal extremo Obskkvlt. Agora que a reactivación de Pantera fixo que considerasen que era o momento de finalizar a traxectoria de Display of Power, de seguro axiña escoitaremos cousas novas das súas outras bandas.

Un intre do concerto de Display of Power no Ritual Stage

Rematada xa a xornada do mércores, tocaba agardar ata as 17:30 do xoves para ver á seguinte banda galega, Leftlovers. O seu concerto, como xa comentamos, non formaba parte do cartaz como tal do Resu, xa que non tivo lugar en ningún dos catro escenarios propiamente ditos do festi, senón que se encadraba dentro dos chamados Boulevard Shows. Estes tiveron lugar do xoves 29 de xuño ao sábado 1 de xullo nun dos postos preto da entrada do recinto, e contaron con tres bandas. Estas tocaron unha cada día pola tarde, acompañadas tamén dun DJ, o galego Isaac Pedrouzo, que pinchou no bulevar os tres días. As bandas elexidas foron os coruñeses Leftlovers o xoves 29, os ferroláns Keepers o venres 30, e a banda tributo barcelonesa Metallijam o sábado 1.

Leftlovers no bulevar do Resu. Foto de Carlos Perina

Os concertos neste Boulevard tiñan lugar nun pequeno balcón sobre os diferentes postos, preto doutros como a “capela” ou a tenda de merchandising oficial. Nel, protexidos por dous parasoles, comezou tocar Leftlovers ás 17:30, nada máis rematar o concerto sorpresa de Motionless in White no Chaos Stage. Coincidiu, primeiro, con Landmvrks no escenario principal e Steak no Desert ata as 18:05, e logo con Imperial Triumphant no Ritual ata as 18:45. O cuarteto coruñés define o seu estilo como metal alternativo, se ben é especialmente notable a influencia do metalcore no seu estilo. Deron o concerto máis longo dos Boulevard Shows, cunha hora e cuarto de tempo (de feito, máis que a meirande parte das bandas do festi). Nel interpretaron versións e temas propios como o seu primeiro sinxelo e videoclip “Uncensored”, lanzado en 2022 e gravado por Pablo Espido, batería de Eco.

A pesar da dura competencia e de que nin sequera tocaban nos escenarios convencionais, o concerto de Leftlovers congregou a unha considerable multitude, que fixo pogos e muros da morte como se dun dos grupos principais se tratase. Dende logo, todo un fito para esta nova banda, fundada apenas en 2021. Rematado o seu concerto, non habería máis bandas de Galicia para desfrutar nesa xornada do xoves 29, así que tocaría agardar ao día seguinte, no que si que chegaría haber 3 concertos galegos ao longo do día. Nomeadamente, os de Dark Embrace, Dismal e Keepers, dos que vos falaremos na seguinte entrega.