Exeria é unha banda de rock en galego de Ponteareas formada no ano 2021. O pasado sábado 11 de marzo lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Un novo nome”, acompañado dun videoclip dirixido por Wences Lamas, e agora, explican, están “a piques de pecharse no estudio a rexistrar novos temas”. Porén, antes desta reclusión voluntaria, haberá dúas ocasións máis de desfrutar no seu directo, ambas na comarca de Vigo. A primeira destas ocasións terá entrada de balde, no chiringuito O Pirata de Samil, ubicado en primeira liña de mar na parroquia viguesa de Navia. Será o vindeiro mércores 23 de agosto ás 21:00. A segunda, como parte do ciclo de concertos Solpores na Rebullón, terá lugar no exterior da sala homónima ubicada na parroquia mosense de Tameiga, o xoves 24, tamén ás 21:00. Nesta última estarán acompañados doutra banda galega, Electric Läger, e a entrada será con billeteira inversa, puidendo cada asistente decidir a contía da súa aportación.
O cuarteto ponteareán define o seu estilo como “grunge/rock dos 90”, en referencia aos anos nos que medraron os seus membros. Concretamente, o definen como unha mestura entre “a escena do grunge americano cuxa capital foi Seattle” co “Britpop ou estilos mais alternativos coma ou Nu Metal”, e sempre en lingua galega. Os membros da agrupación proceden de formacións tales como Cool Funeral, Circular, Met, ou incluso o célebre grupo de rock bravú ponteareán dos anos noventa O Caimán do Río Tea.
A banda leva dende o seu nacemento dando concertos por toda a metade sur de Galicia de xeito incansable. Unha das súas actuacións máis destacadas foi na batalla de bandas do festival Trece Roeis de Ferreira de Pantón, na que resultaron gañadores, asegurándose así a súa participación no festival na súa edición de 2024 e a gravación dun novo videoclip. Agora, con dous últimos concertos que teñen pendentes en Vigo e Mos, comezará unha nova etapa do grupo no estudio, da que de seguro sairán con forzas renovadas para seguir percorrendo o país.

