O Revoltallo aséntase como un dos festivais máis lonxevos do país coa súa 30ª edición

O festival Revoltallo, celebrado cada ano na parroquia viguesa de Valadares, chega agora á súa 30ª edición, que terá lugar do 15 ao 17 de setembro na carballeira do Pedregal. O seu cartaz inclúe 10 concertos ao longo de 3 días, así como numerosas actividades para todas as idades, que incluirán espectáculos de maxia e moito máis. Unha programación coa que, segundo sinalan dende a organización, “non darán tregua a ninguén, sen distinción de xénero, idade ou gusto, para os máis cativos, para os seus maiores e para todos os que queirades vir a pasar uns días a Valladares”.

O venres 15 de setembro actuarán as bandas de punk rock Archivo Adxunto e Liska, e mais as cantautoras Pauliña e Lidia India. Todas elas, artistas que empregan o galego para a súa música, que percorre diferentes xéneros. Por outra banda, o sábado 16 de setembro, o día máis metaleiro e hardrockeiro como é tradición no festival, actuarán as bandas galegas Suevia, Kratos e Calle del Ruido, acompañando aos barceloneses Ktulu e aos madrileños Minos. Finalmente, o domingo pechará o festival a agrupación de flamenco Pa Ti Na Ma, que conta nas súas filas con Fran Vázquez, cantante de grupos de rock e metal galegos como Cherokee.

Falando máis a fondo das bandas de rock galegas que forman parte do cartaz, que é o que nos ocupa nesta revista; Archivo Adxunto é unha banda muradá de punk rock nacida no verán do 2012. Está formada por Adri na guitarra e na voz, Yeray no baixo e Javi na batería, que farán honor no festival á destacable tradición punky da súa comarca. Liska, por outra banda, é unha banda de ska punk viguesa con máis de 10 anos de traxectoria. O seu último traballo, República 2.0, foi lanzado en 2020, ao que logo se lle sumou en 2021 o sinxelo “Sermos”.

Por outra banda, despois dun tempo afastados dos escenarios, a banda de thrash metal gondomaresa Kratos volve con este concerto ó panorama musical. Os novos membros Javi e Diego únense a David, Miguel e Karrack. O mesmo día tocará tamén Suevia, a banda de rock viguesa formada por Fati, Susi, Olga e Patri e nacida en 2021. Tamén Calle del Ruido, que mestura rock alternativo e metal de letras reivindicativas tanto en galego como en castelán, procedentes de Meis. Esta banda está formada polo vocalista e guitarrista Tomi, o guitarrista e teclista Kike, o baixista Óscar e o batería Gian.