As bandas galegas no Resu 2023, parte 3: Deleiba, Sangre de Muérdago, Back in Town

Con fotos de Emilia Vidal-Hallett.

Na última xornada do Resurrection Fest 2023, a do sábado 1 de xullo, foron tres as bandas galegas que actuaron nalgún dos seus catro escenarios oficiais. O grupo de rock alternativo muradán Deleiba e o colectivo folk Sangre de Muérdago foran xa confirmados no primeiro adianto do cartel do festival a finais de 2022, mentres que a banda de metalcore Back in Town, orixinaria de Viveiro, foi unha das últimas confirmacións, a unha semana de comezar o festival. Tres bandas de moi diferentes estilos e procedencias para culminar o festival demostrando a gran variedade e calidade da escena do país. O sábado foi, ademais, o día en que sonou máis música en galego, pois tanto Deleiba como Sangre de Muérdago interpretaron varias cancións na nosa lingua.

Deleiba no escenario. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Deleiba foron a primeira banda das tres en subir ao escenario. Das formacións galegas deste Resu 2023, foi a que máis cedo tocou, dando o pistoletazo de saída á xornada ás 14:55 do mediodía dende o Desert Stage, o mesmo escenario que pisarían o resto de bandas anfitrioas ao longo do día. Os de Muros estanse convertindo, a pesar da súa breve traxectoria comezada en 2018, nun nome habitual en festivais galegos. E incluso estatais, como o Tsunami Xixón do ano pasado, organizado pola mesma promotora que impulsa o Resu e máis especializado en música punk. O seu rock alternativo potente, que mestura letras en galego e en castelán, demostrou ser unha fórmula perfecta para comezar o día de festi; serviu de contrapunto ao power metal sinfónico de Diabulus in Musica, de Iruña, que tocou no Ritual Stage á mesma hora.

O público facendo mosh durante a actuación. Foto de Emilia Vidal-Hallett

O quinteto ofreceu un directo moi enérxico, que foi correspondido por público que non dubidou en facer mosh a pesar de ter o sol de mediodía brilando directamente sobre as súas cabezas. Cancións como o sinxelo de 2021 «Erguerse» ou «Menos es más» do EP de 2020 MMXX(I) fixeron tolear aos asistentes, especialmente cando o vocalista Germán baixou do escenario a acompañalos. E dende o escenario, Mauro, Denís, Alberto e Jesús continuaban dandoo todo. Os de Muros demostraron a forza da escena do rock/metal alternativo galega, cuxos principais expoñentes teñen pasado polo Resu (mesmamente, o ano pasado, o festival contou con Aphonnic, Machina, Acidproyect ou Grima). E escoitar por fin varias cancións en galego do festival foi un sopro de aire fresco tamén. Oxalá para o ano que vén sexan máis as bandas que empreguen a nosa lingua sobre os escenarios do festival!

Germán, vocalista da banda, entre o público. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Cabe destacar que desta vez, as bandas galegas non estiveron acumuladas nas primeiras horas da xornada como no día anterior, e houbo que agardar tres horas e pico para que comezase a seguinte: Sangre de Muérdago, tamén no escenario Desert. Como xa vos contamos por aquí, o desta agrupación foi un dos poucos nomes fóra do estilo punk/metal habitual que integraron o cartaz desta última edición, entre os que poderíamos incluír tamén o de Perturbator coa súa escura música electrónica. Porén, tendo en conta que o líder, fundador e único membro constante de Sangre de Muérdago ao longo de toda a súa traxectoria, Pablo Caamiña Ursusson, procede de bandas como a lenda do crust punk coruñés Ekkaia, non sorprende a súa presenza nin o respecto e admiración que inspiran entre a escena extrema. Cabe mencionar tamén que Ursusson formou parte así mesmo da banda de black metal atmosférico alemá Antlers ou da banda de crust catalá Cop on Fire, e colaborou cos tamén coruñeses Machetazo tanto en directo como en estudio. Ah, e o tamén membro da banda Georg Börner lucía unha camiseta de Emperor…

Deleiba durante o seu concerto. Foto de Emilia Vidal-Hallett

A banda volve estar afincada na nosa terra despois de ter tido durante moito tempo o seu centro de operacións en Leipzig, Alemania. Porén, a influencia da música folk galega sempre estivo moi presente na súa música, que fai uso a cotío de letras na nosa lingua. O concerto de Sangre de Muérdago prometía ser, pois, un oasis dentro do festival tanto para baixar por un momento, aínda que fose un pouquiño, os decibelios, como para escoitar algo de música galega e en galego nun cartaz cheo de grupos de todo o globo. De feito, momentos antes de comezar o concerto, a banda xa destacaba entre o resto do cartaz do festival pola distribución dos seus membros no escenario: os catro, sentados en semicírculo en cadeiras decoradas ao redor dun micrófono de ambiente.

Agora ben, por favor, que me corrixa calquera entendido en audio que me estea lendo se digo algunha tontería dende a miña ignoracia, pero isto é o que teño entendido: a elección do micrófono de ambiente, que capta o son dun habitáculo enteiro en contraposición aos micrófonos unidireccionais que recollen só o do que teñen inmediatamente diante, pode ser idónea para captar coa máxima fidelidade posible o son de instrumentos acústicos no contexto dun concerto nun local máis íntimo ou deseñado para música non electrificada. Un tipo de lugar onde, dende logo, é máis habitual ver tocar a Sangre de Muérdago que nun festival como o Resu. Porén, esta elección deulle problemas ao cuarteto de folk.

A disposición do cuarteto no escenario. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Resulta totalmente comprensible, obviamente, que a banda mantivese o rider técnico do resto da súa xira, xa que o do Resu foi un concerto máis para unha banda de gran percorrido internacional. Pero hai que ter en conta que, do mesmo xeito que un micrófono de ambiente recolle o son provinte de todas as direccións, non só a do instrumento que pretende recoller, tamén recolle o ruído provinte de todas partes. Por esta razón, o risco de acoples e outros efectos secundarios indesexados é maior que cos micrófonos unidireccionas, como son os típicos micrófonos para voces que vemos na maioría de concertos, ou como son tamén as pastillas das guitarras ou dos baixos eléctricos. Por dicilo a groso modo, os de ambiente non son micrófonos cos que o técnico de son poida subir o volume ao tolo precisamente.

E a cuestión é que a Sangre de Muérdago non lle sobrou o volume, porque tiña que competir cunha cantidade considerable de «ruido» de fondo (entendendo ruido como son indesexado para os asistentes ao concerto dos galegos, aínda que este son fose desexado para os asistentes doutros concertos). E é que, á vez que o cuarteto de folk no Desert Stage, tocaba no escenario principal a banda de metalcore francesa Rise of the Northstar. Un concerto que, xa de por si, só pode ser xeneroso a nivel de volume, e se algo se derrocha nos festivais de música eléctrica, moitas veces ben de máis, é o volume. Vamos, que dende o público do Desert Stage se escoitaba un rebumbio provinte do escenario principal, situado moi próximo a este, moi considerable.

Sangre de Muérdago durante a súa actuación. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Houbo concertos coincidintes en ambos escenarios constantemente durante todo o festival, pero isto foi problemático principalmente no concerto de Sangre de Muérdago. Ao feito de que a música dos galegos é «suave» en comparación á da outra banda e á cuestión do microfonado sumouse o carácter introspectivo e meditativo dos seus concertos, que se benefician moito dunha inmersión total por parte do oínte e sen interferencias. Dito isto, este problema non impediu en absoluto que os asistentes desfrutáramos moitísimo do recital. Os músicos conseguiron igualmente mergullarnos na súa música coa súa interpretación impecable, pero si que requeriron pola nosa banda dun pequeno extra de concentración. Son cousas que poden suceder, e contamos con que tanto organización como técnico e grupo tomaron nota para ocasións similares que se poidan dar no futurro.

Volvendo xa a entrar en materia, o concerto de Sangre de Muérdago foi todo un cambio de aires. De feito, boa parte do público estivo sentado na herba, algo pouco habitual diante dos escenarios do festival, e por un momento o Resu convertiuse nun evento folk. Os catro membros da banda (que noutros momentos da súa historia contou con diferentes formacións e números de integrantes) portaron diferentes instrumentos que foron na maioría dos casos únicos no festival. Estes foron dende o oboe, o cello e a guitarra ata a nyckelharpa ou viola de teclas, unha sorte de híbrido entre viola e zanfona que non se ve moito por aquí e que lle deu un toque particularmente distintivo ao concerto.

O sol golpeou con forza a músicos e asistentes. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Un dos momentos máis emotivos do concerto produciuse no principio cando a banda interpretou «Cadeliña», pertencente ao disco Xuntas de 2020 e adicada á cadela de Pablo Ursusson, que espertou un potente aplauso do público. Este estivo en xeral moi implicado coa banda, amosándolle o seu apoio nos momentos en que tiñan algún problema técnico ou nas pausas para afinar os instrumentos acústicos motivadas polo potente sol que golpeaba frontalmente aos intérpretes (ben é sabido que os instrumentos musicais lévanse mal coas temperaturas fortes). «Cadeliña» non foi unha excepción nun repertorio especialmente dominado polas cancións adicadas á natureza, como «O conxuro», do disco de 2015 O Camiño das Mans Valeiras. Nas cancións da banda, ademais, as melodías propias entremestúranse coas inspiradas pola música tradicional e popular de Galicia.

Pablo Ursusson cambiou a guitarra pola zanfona en varias cancións. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Os músicos cambiaron varias veces de instrumento. Por exemplo, mudando a guitarra pola zanfona ou collendo instrumentos de percusión como o pandeiro cadrado, que lle daba unha dimensión case ata bailable á música. Amosaron ao longo de todo o concerto unha grande complicidade entre eles, sincronizándose perfectamente a través unicamente de miradas e xestos. Todos eles, ademais, demostraron un dominio total dos seus instrumentos, brilando tanto nas seccións vocais como nas longas pasaxes instrumentais. E empregando diferentes técnicas que mantiveron a variedade dende a primeira canción ata a última.

O grupo colleitou, sen dúbida, algúns dos aplausos máis sonoros de todo o festival, demostrándose así o queridos que son na súa terra de orixe. De feito, foron moitos os momentos en que o propio público quixo acompañar a música da banda con aturuxos e palmas, aínda que, cos ritmos complexos dalgunhas das cancións, isto último non sempre funcionou ben. Isto ocorreu especialmente no final da velada con «Lonxanía», pertencente tamén a Xuntas. Unha canción sobre a morriña que Ursusson sentiu vivindo afastado de Galicia durante tantos anos, e coa que tantos dos presentes se sentiron identificados.

Back in Town, e a gran pelota hinchable en primeiro plano. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Despois dun concerto como este, tocaba xa volver ao hardcore e ao metal. Tamén da man da última banda galega en actuar no festival, os viveirenses Back in Town. O Resu sempre adoita contar no seu cartel con bandas de procedencia local, e o deste ano non podía ser unha excepción, a pesar de que isto se confirmase a última hora. No caso de Back in Town, naceu como un grupo de versións, principalmente de bandas internacionais de hardcore, pero coa publicación do seu EP Insularity en 2022 deron o salto tamén a facer cancións propias. Antes dese lanzamento, o grupo tivera unha actividade relativamente intermitente, xa que o seu nome procede precisamente de que os seus membros vivían en diferentes cidades e vilas (e tocan en diferentes bandas) e se xuntaban cada vez que volvían de volta a Viveiro. Porén, sempre estiveron moi vencellados ao Resurrection Fest, pois xa actuaran na edición de 2019, e previamente, nos chamados Pre-Resu, concertos celebrados en Viveiro xusto antes do comezo do festival sen ser parte do cartaz propiamente dito.

O quinteto saíu ao escenario coa intro de Dragon Ball Z, e dende o comezo comezaron circular entre o público pelotas hinchables xigantes que foron unha constante ao longo de todo o concerto. Podía percibirse inmediatamente que entre o público había un gran número de viveirenses, incluíndo cativada, familias e xente de todas as idades. Back in Town tocaba en casa, e iso notouse na euforia que demostraron os asistentes nos circle pits e os walls of death. Ata moitos quitaron a camiseta de tanto esforzo físico, a pesar de que o tempo xa non acompañaba e había unha clara ameaza de choiva. Cabe destacar, ademais, que a banda puido gozar dun horario moi favorable, tocando entre as 20:40 e as 21:25, ao prezo de competir contra Soulfly no escenario principal.

A cativada do Resu, compartindo con Back in Town o escenario. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Ao longo do concerto intercalaron os seus temas orixinais con versións de todo tipo, incluso de «Fight for your Right» de Beastie Boys ou da omnipresente «Killing in the name» de Rage Against the Machine. Un dos momentos máis destacados do mesmo foi a subida ao escenario dos Resukids, que protexidos do exceso de volume polas súas voluminosas orelleiras, lanzaron ao público moreas de globos e pelotas hinchables que se sumaron ás que xa andaban circulando por aí. As nenas e nenos saltaron e bailaron no escenario como se fosen uns membros máis do grupo, coa complicidade dun público xa de por si moi entregado.

Ao rematar o concerto, como non podía ser doutro xeito, sonou mentres os músicos recollían «The Boys are Back in Town» de Thin Lizzy. Remataban así os concertos de bandas galegas no Resurrection Fest 2023, a falta de que tocasen algunhas das bandas internacionais máis destacadas do cartaz para clausurar definitivamente o festival. Tocaba, finalmente, despedirse de Viveiro. O ano que vén, máis!