Cinco músicos de Vigo e a súa contorna xúntanse para facer unha nova homenaxe ao Celta de Vigo con motivo do seu centenario. O resultado é “Fillos de Breogán”, un tema que mestura elementos da música tradicional e o folk cun toque actual, e que rinde tributo coa súa letra aos cánticos dos seareiros do Celta en Balaídos, en varios dos cales está inspirada. Súmase así a outras cancións creadas para conmemorar os cen anos do club, dende a oficial “Oliveira dos cen anos” de C Tangana a outras como “A nosa canción” de Xhamain.
O tema nace da man do músico vigués Jairo Daponte, coñecido polo seu proxecto de música electrónica Abrigo e por facer parte de bandas tan diversas como Sans Soleil, Unliving Sin, Dysnomia, Utopian Visions of Earth ou Sunvoid. En “Fillos de Breogán” encargouse da composición do tema e da gravación de guitarra e baixo. Jairo, celtista dende o berce e membro da peña Irmandiños 1923, como non podía ser doutro xeito, deu forma así a un himno que rebosa sinceridade e paixón celeste, perfecto para ser entoado no estadio.

Por outra banda, encargouse da gravación e produción do tema e máis dos teclados Héctor Rodríguez “Rotce”, de Lontreira e compañeiro de Jairo en Unliving Sin. Nas voces, ambos contan con Dana da Carballeira, voz da banda de folk metal Mileth (que tamén se encargou da pandeireta na canción), e Icko Viqueira, das bandas de power metal Aquelarre e Atreides, vocalistas destacados da escena metal e rock da cidade. Finalmente, a frauta correu a cargo de Lucas Roca, membro de Sans Soleil, Sunvoid ou Tharanis.
O tema veu acompañado dun videoclip realizado tamén por Héctor Rodríguez. Para facelo, os músicos lanzaron unha convocatoria en redes sociais, chamando a outras seareiras e seareiros a enviarlles vídeos animando, nas previas dos partidos, ou en xeral relacionados coa súa afección polo Celta. Con eles deron forma ao que foi finalmente o vídeo musical do tema. Nel contaron, ademais, con gravacións da grada durante o último derbi contra o Deportivo da Coruña, destinadas inicialmente para o videoclip do xa mítico tema de Keltoi “Unhas cores, un sentimento”, e cedidos por eles para este novo tema. A canción e o vídeo xa colleitaron unha excelente acollida entre a afección do equipo celeste.