Grande Amore lanza o seu segundo álbum, titulado II

Despois do seu álbum homónimo editado en 2021, Grande Amore lanza agora II; o seu segundo álbum, novamente da man do selo Ernie Records. Un disco agardadísimo que incorpora influencias “que van desde o punk ata o black metal pasando pola música industrial, todo adaptado ao formato electrónico de Grande Amore”, explican. O éxito dos catro adiantos que presentaran ata o momento, “Do meu corpo van nacer outros corpos”, “Pelea”, “Onde ela me quer levar” e “Ben Sabe Dios Que O Intentei” xa confirman o gran salto en popularidade experimentado pola banda. E agora, con este novo traballo, o obxectivo é “que todo salte polos aires”.

Grande Amore naceu como un proxecto persoal do mariñao Nuno Pico, pero agora xa se vén perfilando como un trío integrado tamén por Clara Redondo e Mariagrep. E aínda que a mestura de diferentes xéneros, dende o pop electrónico ata o rock ou o hip hop, sempre foi un sinal de identidade para o proxecto, semella que agora queren pasar ao seguinte nivel en diversidade e experimentación. De todos xeitos, non nos sorprende de todo esa gran variedade de estilos incorporados polo trío, xa que é habitual velos lucir nos escenarios camisetas de grupos que van dende clásicos setenteiros como Black Sabbath ou iconas punk como os Sisters of Mercy ata pioneiros do metal extremo como Bathory, Celtic Frost ou Darkthrone. A influencia da música máis extrema, de feito, tamén é moi perceptible no estilo visual dos deseños da banda, con portadas que ben poderían estar tiradas de bandas noventeiras do black metal máis subterráneo.

A portada de II, novo álbum de Grande Amore

Os sintetizadores, as caixas de ritmos e as guitarras son o fío conductor dun traballo que busca abarcalo todo en menos de media hora de duración. Partindo de influencias como “Motorhead, Stooges ou Ramones”, sinalan, vistas sempre a través do prisma electrónico que caracteriza a Grande Amore, o grupo logra un son característico á vez que bailable e accesible, que pretende “reventar o hastío vital”. Para conseguir todo isto, o trío contou con Carlangas, exmembro de Novedades Carminha e compañeiro de selo, para encargarse da produción.

As voces de II, por outra banda, foron gravadas por Raúl Pérez en La Mina, encargándose el tamén da mestura. Finalmente, a masterización foi realizada por Cem Oral en Jammin’ Masters. Como se pode apreciar en temas como “Pelea” co seu “naide ten piso, naide ten traballo”, Grande Amore reflicte as dificultades ás que se enfronta a súa xeración, introducindo matices máis sociais nun disco dominado polas letras de carácter persoal, e tamén festeiro. O melancólico e o desenfadado altérnanse ao longo do disco con temas como “Anos 20”, “Necesito estar borracho” ou a final “Eu son a noite”.

Logo dunha presentación por todo o alto na Sala Malatesta xunto a Meu Cariño e Andrea Piñeiro, Grande Amore comezará unha xira que os levará a festivais como o Our Fest de Ourense o 21 de outubro e o Castañazo Rock de Chantada o 27 do mesmo mes. Tamén pasarán por salas, como a Espacio Vías de León o 22 de decembro, a La Salvaje de Oviedo ao día seguinte, ou a madrileña El Sol o 20 de xaneiro de 2024, saíndo xa das fronteiras galegas. E aínda hai máis datas por confirmar! Despois de dous álbumes, varios EPs colaborativos e numerosos sinxelos, a traxectoria ascendente de Grande Amore parece non ter límite.