Podía Ser Peor, primeiro traballo discográfico dos morracenses Gallego Común

O primeiro traballo discográfico da banda morracense Gallego Común xa está na rúa en formato físico e dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do EP Podía Ser Peor: cinco temas gravados, mesturados e masterizados por David Bleis, de Creoenmi Producciones. Foi presentado ao vivo, como non podía ser doutro xeito, na SalaSon de Cangas, unha das mecas da música en directo da comarca.

Como anticipo do disco, o cuarteto xa publicara a canción «½ Rural», acompañada dun videoclip dirixido, gravado e editado por Sergio Prado, de Eido Cinema. Unha canción definida pola banda como «un retrato deformado de xente que dubida, modos de vida en colisión e vítimas e verdugos, conceptos que se adoitan confundir na etapa final do capitalismo». Completan o EP os temas «Churrasco & champán», «Turismo termal», «Kale borroka» e «Salvaxes», que cos seus títulos xa dan unha idea das letras retranqueiras e a esencia punk da banda.

Gallego Común emerxeu hai pouco máis dun ano das profundidades da comarca do Morrazo (teñen membros de Domaio, Moaña e Cangas) para iniciar unha aventura «por debaixo do underground a golpe de rock post bravú con espírito punk», como eles mesmos din. Defínense simplemente como «catro tipos que fan o que poden, non o que lles gustaría: música precaria para unha época confusa». Neste tempo, percorreron xa todo o país, levando o seu espectáculo tanto en eléctrico como en acústico por algúns festivais, bastantes salas e moitos bares. Ademais, veñen de gañar o I Concurso Novos Valores Felicia Insuela, unha victoria que lles permitiu formar parte do cartaz da quinta edición do Canteira Fest, que se celebrou os pasados días 15 e 16 de setembro en Vilaboa.