O festival WOS de Compostela pecha a súa VII edición

A compositora e percusionista xaponesa Midori Takada foi a encargada de concluír, no emblemático Teatro Principal de Compostela, a sétima edición do WOS Festival, que se celebrou entre o 14 e o 17 de setembro. Acababa de estrear o seu novo espectáculo audiovisual, Japan on Film, unha de entre tres estreas mundiais e dezasete estatais que tiveron lugar ao longo dos catro intensos días de festival. Dende a organización do mesmo, a cargo da promotora compostelá Work On Sunday, fixeron unha vez máis un balance positivo da nova edición do seu evento de cabeceira, nacido en 2016.

O concerto de Midori Takada foi o peche perfecto para un festival que volveu a poñer en valor a música contemporánea máis vangardista. A súa programación musical que incluíu 28 actuacións musicais con artistas procedentes de máis de 15 países de todo o mundo. Dos cinco continentes, desde Exipto á India, pasando por Reino Unido, Portugal, Serra Leona ou Australia, entre outros. Ademais, incluíu diversas proxeccións de documentais ou charlas. Non só polo prestixio dos e das artistas que formaron parte da programación en 2023, senón tamén pola diversa procedencia dos e das asistentes, que viñeron ao festival dende Portugal, Estados Unidos, Italia, Reino Unido, Irlanda, Rusia, Dinamarca ou Austria.

“Quero destacar a calidade excepcional de todas e cada unha das propostas que este ano compuxeron o cartel do festival. Desde a noite do xoves co novo directo da artista de culto Laurel Halo, pasaron por WOS algúns dos mellores produtores de electrónica do mundo acompañados de propostas audiovisuais vangardistas, emocionantes e cativadoras, ademais dunha das lendas da música contemporánea, a xaponesa Midori Takada”, sinalou Iván Arias, director do festival.

O evento, que se reparte ao longo de toda a cidade de Compostela, estreaba este ano unha nova localización, a Fundación Laboral da Construción: un edificio de estilo industrial situado nunha antiga curtiduría do século XVIII a beiras do río Sarela. En total, recibíronse a máis de 3.000 persoas repartidas en catro xornadas, con boa parte do público repetindo asistencia pero tamén sumando cada día novos asistentes de todo o estado e do resto do mundo. Para a organización, isto é proba de que “o festival está a saber crecer coa súa audiencia fiel pero tamén sentar as bases dunha nova escena máis nova”. Outros espazos destacados onde transcorreron as diversas actividades do festival foron o parque de Bonaval ou a Igrexa da Compañía.

A presentación do novo disco da norteamericana Laurel Halo; o set electrónico de Actress; ou o impactante directo AV/AV da británica Loraine James, con batería en vivo e deseñando de paso a banda sonora do Londres do século XXI. Tamén os DJ sets de Le Gamble, Kia, Black Rave Culture ou DjRUM, tanto o venres noite na Sala Capitol como no estreado espazo de sábado noite, a Fundación Laboral da Construción. Todo isto se deu cita no WOS 2023, cunha aposta na liña do que levan ofrecendo nos seus 7 anos de traxectoria.

Esta edición do festival, a pesar do seu marcado enfoque internacional, tamén serviu para poñer sobre a mesa e sobre os escenarios a calidade e a riqueza que ofrece a escena galega, á altura do momento no contexto global. Dende os frenéticos directos de Kosu Ness e JUAIT ou a heteroxeneidade da selección de Akazie e o seu Dj set á calidade e o preciosismo do espectáculo Transmutation de Alex Aller e Margarida Mariño.

Ademais de música, WOS ofreceu unha programación paralela con dúas proxeccións de documentais, coa música igualmente como tema principal: Can and Me (2022) e Expedition Content (2020). Tamén un programa de conferencias sobre a escena electrónica en Galicia, que reuniu durante dúas xornadas a medio centenar de dj’s, colectivos, promotores e amantes deste estilo musical. En total, foron 34 as actividades que conformaron o programa do evento.

WOS Festival é un evento de carácter anual que se celebra no mes de setembro en diferentes espazos de Compostela. O festival presenta un amplo programa multidisciplinar cun enfoque en música electrónica e avant-garde, artes visuais, cinema, instalacións, obradoiros e conferencias. A experiencia do festival constitúe unha verdadeira ruta musical, audiovisual e arquitectónica pola cidade. O evento defende “unha visión ampla da cultura alternativa que permite abordala desde múltiples perspectivas, albergando na súa programación innovadoras propostas en torno ao risco e a exploración onde teñen protagonismo destacados artistas internacionais en contextos únicos, creando así unha atmosfera irrepetible en cada actividade”.