Os pontevedreses Brutal anuncian o seu próximo álbum, titulado 22820

A banda pontevedresa Brutal, que mestura estilos como o hardcore ou o metal alternativo, anuncia o lanzamento do que será o seu novo traballo, editado de xeito independente e que levará por título 22820. A data de saída do álbum nas plataformas dixitais non chegará ata marzo de 2024, mentres que en formato físico estará dispoñible a partir do 25 de novembro, data do concerto de presentación do mesmo no Tronko Bar de Pontemuiños, Pontevedra. Ademais de neste concerto que darán xunto aos tamén galegos Anecoid, con entrada por billeteira inversa, tamén se poderá adquirir o disco na súa páxina web http://www.brutaloficial.com e a través do seu enderezo de correo electrónico oficialbrutal@gmail.com

A banda xorde en 2013, das cinzas da xa mítica banda pontevedresa Brutal Distracion. Esta agrupación mesturaba hardcore e thrash/groove metal na época de apoxeo destes estilos na nosa terra, compartindo son con outros grandes expoñentes patrios do crossover como Mala Oxtia, Mol, Desvirgheitors, Túzaros, Zënzar, Prap’s ou The Feixons. Durante os anos noventa, Brutal Distracion chegou ter unha importante proxección dentro do que era habitual en Galicia, compartindo escenario en varias ocasións con bandas como Soziedad Alkoholika ou Beer Mosh. O grupo editou no seu momento a cinta Graves Consecuencias (1993) e o CD 7 Sueños (1998), e fixo varias xiras estatais, tocando en festivais de Madrid ou de Euskadi.

Co tempo, Brutal Distracion cesaría a súa actividade, pero dous dos seus membros, o guitarrista Javier Gallardo e o baixista Juan Jose Díez «Lute», reformarían a banda en 2013, esta vez xa como Brutal a secas (poñendo fin á mestizaxe de idiomas do anterior nome). Sumaríanse a eles o batería José Antúnez, o vocalista Adrián Martínez e o guitarrista Adrián Costal. Coa entrada no baixo de Aitor Martínez, gravan en 2014 o EP Amnesia con Zoilo Santiago de Unreal Overflows, que dende entón sería o encargado de producir, gravar, mesturar e masterizar os seus traballos. Este EP incluiría catro temas novos e máis o vello tema de Brutal Distracion «Crisis» nunha versión renovada. Javier Gallardo pasaría logo ao baixo, coa entrada do guitarrista Isidro Otero, dando lugar así á formación que lanzaría o álbum Grita Más Fuerte en 2019. O disco, de 8 temas, contou con 4 videoclips e coa colaboración con Zoilo e Checho de Malkeda «Es por ti». Co álbum baixo o brazo, o grupo embarcaríase nunha extensa xira estatal, que sería interrumpida pola pandemia en 2020.

Foto promocional da formación actual de Brutal

Gallardo e Costal abandonarían a formación, collendo Charly e Jose o testemuño no baixo e na guitarra respectivamente. Aínda que xa non fica nela ningún membro en común con Brutal Distracion, a banda seguiría e segue reivindicando e honrando o legado destes pioneiros do metal pontevedrés coa súa música. Tomaba así forma definitiva a aliñación actual da banda, con Adrián na voz, Jose e Isidro nas guitarras, Charly no baixo e Jose na batería. Brutal entraría de novo nos Unreal Studios de Zoilo, en Marín, para comezar traballar en 22820. A banda sufriu varios contratempos que lle impediron cumprir coa data de saída a principios de 2023 que se propuxeran, pero agora si que o disco está por fin listo para saír e para ser presentado ao vivo.

Esta vez, conxuntamente con Zoilo, estivo tamén detrás da mesa de mandos o seu socio Diego Bea Besada, dos estudios BeaBesada de Gondomar e tamén membro de Unreal Overflows. Este encargouse da masterización dos 10 temas do álbum. En palabras da banda, nestas novas cancións dan «renda solta á súa creatividade, engadindo novas sonoridades e instrumentos nunca antes empregados, sen poñer ningún tipo de límites». Como se pode apreciar nos títulos das cancións, xa desvelados polo grupo, 22820 continuará no apartado lírico a liña de letras políticas e reivindicativas pero tamén persoais que vén caracterizando ao grupo dende o comezo da súa traxectoria («Ningún poder», «Única verdade», «Plan de salvación», «Novo comezo»…).

Como principal novidade cabe destacar que a banda gravou duas versións do traballo, que serán editadas en CD e LP conxuntamente como álbum dobre con 20 pistas en total. O primeiro disco conterá a versión en castelán, e o segundo disco a versión en galego, idioma que empregan por primeira vez na súa música. Sobre o enigmático título do disco, a banda ten afirmado que 22820 «non é só un número, é moi importante para nós e ten un fondo significado».

Portada e lista de temas en galego que conformarán o álbum

Ao longo dos 10 temas que por duplicado forman 22820, Brutal pon todas as súas cartas sobre a mesa. Mentres que o son de Brutal Distracion estaba primordialmente influído por agrupacións de metal e hardcore clásicas como Suicidal Tendencies ou Biohazard, o renacemento da banda supuxo a incorporación de influencias provintes de bandas de metalcore e deathcore como Suicide Silence, Killswitch Engage, August Burns Red ou While She Sleeps. Varias destas referencias xa se poden percibir mesmamente no primeiro dobre adianto do disco, «Sangue»/»Sangre», lanzado o pasado día 1 de outubro.

Tanto a versión galega do tema como a española contan cun moi similar pero distinto videoclip. E é que cada unha das 20 pistas que formarán 22820, correspondentes aos 10 temas tanto en galego como en castelán, contarán cun vídeo musical dalgún tipo, convertíndoo en todo un álbum visual. Isto xa se pode ver na canle de Youtube do grupo, onde os vídeos xa están subidos, pero aínda non visibles para o público. Irán saíndo por parellas en diferentes datas de aquí a marzo do ano que vén, cando, lembremos, o disco sairá na súa totalidade nas plataformas dixitais. Os primeiros vídeos en saír, despois dos de «Sangue» e «Sangre», son os de ambas versións de «Desterrado», o martes 10 de outubro. O 9 de novembro será a quenda de «Plan de salvación», de novo en ambos idiomas, e o 30 de novembro, despois da presentación ao vivo no Tronko Bar, tocaralle a «Novo comezo»/»Nuevo comienzo». En decembro sairán «Nada en min»/»Nada en mi» e «Ningún poder», e os 4 temas restantes verán a luz xa no ano 2024 en datas previas ao lanzamento completo do disco. Ficamos atentos e atentas!!