Dios Ke Te Crew celebra os seus Tremendos Anos 20 o 2 de decembro en Compostela

Con fotos de Iago Vilarinho.

Dios Ke Te Crew, unha das banda máis emblemáticas do hip hop galego, celebrará o vindeiro día 2 de decembro os seus vinte anos sobre os escenarios. Cos de Ordes na súa terceira década de carreira, podemos dicir sen medo a trabucarnos que ao longo da súa traxectoria insulflaron no seu rap multitude estilos de todo de todo tipo, incluíndo, por su posto, o rock que se escoita nas bases de moitos dos seus temas máis míticos. Unha ocasión así merece unha festa por todo o alto, e esta terá lugar o sábado 2 de decembro: Compostela acollerá, entre as 19:30 e as 5:00, unha xornada maratoniana de concertos e actuacións nas que DKTC estará acompañada de varios artistas destacados da escena musical galega, como High Paw, DJ Mil, Rebeliom do Inframundo ou Los Rastreadores, o dúo formado por Ortiga e Grande Amore, entre outros moitos nomes.

As entradas para a cita, que terá lugar nas salas Capitol e Malatesta da capital galega, están dispoñibles tanto na web da banda http://www.diosketecrew.org como na plataforma de venda de entradas http://www.enterticket.es. Os 400 abonos que se puxeron á venda ficaron esgotados nuns poucos días, pero aínda se poden adquirir, de seguro por pouco tempo, as últimas entradas para o concerto principal na Capitol, que incluirán ao igual que o abono un fanzine en A5 moi especial. Nel poderemos atopar os códigos QR para escoitar 20 remixes de cancións destacadas do grupo a cargo de 20 produtores (entre eles varios dos que colaboran ou participan na festa de aniversario xunto ao grupo), e máis de 20 ilustracións a cargo de 20 artistas gráficos, unha por canción. “Un traballo portentoso que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial”, sinalan dende o grupo.

Esta festa supón todo un fito nunha xira de aniversario que xa comezou o pasado marzo, na viguesa sala Master xunto a High Paw e Saibran Yi Yi (Cibrán de Boyanka Kostova) e no coruñés Playa Club xunto a Boyanka Kostova ao completo. Xa nestes primeiros concertos o grupo presentou a súa nova proposta de posta en escena audiovisual, con imaxes creadas polo artista A.L. Crego, “de renome internacional e precursor do Gif Art”. As súas pezas, que tamén veremos en acción na gran festa en Compostela, “arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda”.

A festa de aniversario será, en palabras da propia formación, unha ocasión “única” e “irrepetible” que, como “exclusiva cerimonia litúrxica”, celebrará dúas décadas de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira de Ruxe-Ruxe e Guillerme Ignacio de Quempallou subirán ao escenario da Capitol con DKTC na noite do 2 de decembro, en calidade de colaboradores.

Nesta lista de nomes podemos atopar a grandes expoñentes da música galega en multitude de estilos, dende o punk rock ata a música tradicional pasando pola música electrónica ou a canción de autor. E moitos deles xa teñen realizado ata gravacións de estudio xunto ao grupo. Entre as máis destacadas destas están precisamente as dúas colaboracións con Boyanka Kostova, “OG” e a súa continuación “Ázido Úriko”, que contan con videoclips entrelazados e que supuxeron unha unión histórica ao xuntar a uns iconos do rap galego das últimas décadas como son os ordenses e a uns expoñentes de trap, un subestilo relativamente novo, como son os composteláns. Dous xeitos de facer hip hop, un máis clásico e outro máis actual, que moitas veces se busca presentar como antagónicos, pero que, como demostran os galegos, poden entenderse perfectamente.

Foto promocional da banda

Como xa dixemos, esta celebración non ficará só no concerto na Capitol, que alén de DKTC e colaboradores contará con High Paw, DJ Mil, e máis Hermano L, membro do mítico grupo de hip hop mallorquín La Puta Opepé; o evento ampliará o seu espazo e chegará a outra sala máis, “porque unha soa sabía a pouco”, sinalan dende o grupo. Así, entre as 19:30 e as 00:00, a actividade desenvolverase na Sala Capitol, mentres que entre as 00:30 e as 5:00, a festa terá lugar na Malatesta co concerto de Los Rastreadores e os “showcases” de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi Yi, Ra Velenosa e Rico Suávez. Como colofón, haberá unha serie de pinchadas de DJs, a cargo de Padre Murdock (membro de DKTC), Croma e Chicho Selector (o home detrás de Ortiga e a outra metade de Boyanka). E isto non será todo, pois dende a organización xa nos avisan de que haberá “moitas sorpresas adicionais”.

O público poderá adquirir, na web oficial da banda http://www.diosketecrew.org e en http://www.enterticket.es, a entrada que dá acceso unicamente á Capitol por 20€. O abono para a festa completa só custaba 5€ máis, polo que non sorprende que estea esgotado. Xa dende un primeiro momento o grupo avisou de que, por motivos de aforo da Sala Malatesta, que ademais viviu recentemente un susto cun pequeno incendio no concerto de aniversario de Planco Xestión Cultural e que está a ser reacondicionada para que todo estea en orde en vindeiros eventos, habería un cupo moi limitado de abonos dispoñibles ao que só poderían acceder as primeiras compradoras. E xa nas redes do grupo foron en todo momento avisando do ben que ía a venda de entradas, así que quen avisa non é traidor…

Dende a súa formación en 2003, Dios Ke Te Crew é historia do rap galego e en galego. A banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca “polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade”, como sinalan dende a súa axencia de comunicación The Office. Logo da publicación de tres discos de longa duración, diversos EP, e de percorrer centos de escenarios, DKTC publicou no 2022 o seu ata agora último traballo En que ano estamos?, un EP con cinco temas nos que os seus membros “demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país”. Entre os novos temas, acompañados por videoclips do seu director habitual Xaime Miranda, destaca a inclusión da xa mencionada colaboración con Boyanka Kostova “OG” (siglas de Orixinal Galego), definida como “un dos himnos máis salientables dos últimos tempos”.

Foto promocional da banda

A andaina da banda comezou cando a organización do Festigal, o festi que aínda hoxe se celebra en Compostela cada véspera do Día da Patria, contactou co grupo de rap Ghamberros, que convidou pola súa banda á parte en activo da agrupación 5 Talegos. As dúas formacións procedentes de Ordes presentáronse xa nesa ocasión como Dios Ke Te Crew. Ademais dos catro membros xa mencionados, facía entón parte do grupo e ata o ano 2016 o rapeiro Serxio Regos, García MC, que actualmente xira con García MC & Nación Quilombo e que formou parte tamén de Labregos do Tempo dos Sputniks xunto co Leo i Arremecághona. Na parte non musical uníronse, aínda que de xeito efémrero, os grafiteiros Vandals Crew e Cousas Novas, e os breakers de Compostela Playmovil Kids, que posteriormente deixarían de facer parte da crew.

A primeira gravación oficial de Dios Ke Te Crew, despois dos traballos das súas formacións precursoras, foi o tema “Herdeiros da ditadura”, que serviu como banda sonora da curta O Derradeiro. Esta foi un dos capítulos incluídos na película colectiva Hai que botalos, unha recompilación de curtametraxes posta en circulación con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005. Neste filme, 24 directores aportaron as súas pezas coa fin facer ver as razóns polas que o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, non debía impoñerse de novo nos comicios, como así sucedeu.

En 2006 lanzaron o seu primeiro traballo de estudio completo, un LP titulado Xénese e formado por 16 temas. Foi gravado no propio estudio do grupo, Rapapoulo, e editado polo seu propio selo, DKTC Sons, xunto á editora galega Falcatruada. Distribuído por Discmendi en España, foi un dos primeiros traballos de rap realizados enteiramente en galego. O disco amosa influencias do jazz, o rock, o reggae, o hardcore e o funk, plasmando así unha diversidade que acompañaría ao grupo ao longo de toda a súa traxectoria. Contou coa colaboración do actor Miguel de Lira, interpretando ao personaxe do Cabo Ameneiro, un garda civil que interrompe unha festa do grupo. No deseño do CD, que chegou vender miles de copias (algunhas fontes indican que ata 7000), incluíronse ilustracións e graffitis de membros do colectivo. Nas súas actuacións por todo o Estado compartiron escenario con artistas coma Saian Supa Crew, The Beanuts, Dealema, Foreign Beggars, Ojos de Brujo, La Mala Rodríguez, SFDK, Violadores del Verso, Sólo los Solo ou La Excepción. A súa música foi de novo incluída nunha curtametraxe, neste caso Mártires, de Xosé Zapata.

En 2011 saíu á luz o seu segundo traballo, Humanose, con 13 novos temas e editado esta vez pola discográfica por excelencia do rap estatal Boa Music. En 2013, coincidindo co décimo aniversario do grupo, sacaron o sinxelo “Dez”, con dous novos temas, e comezaron unha nova xira por todo o Estado. E en decembro de 2018, tras unha tempada na que os membros do grupo traballaron noutros proxectos á marxe da banda e despois da saída de García MC en 2016, publicaron o videoclip de “Silencio”, un dos temas do que sería o seu novo disco.

En marzo de 2019 viu a luz un novo adianto, o videoclip de “Melancolía”, dirixido por Xaime Miranda e inspirado no filme de 2011 Melancholia, de Lars von Trier. E en maio de 2019 publicouse o disco completo, de título O ciclo da serpe, sendo este o terceiro e ata agora último álbum de longa duración do grupo. O disco contou coas colaboracións de Alto Asalto, Hermano L, Croma, Homes Sen Medo, Santonio, Javi Pardiñas de Bush Doctors, Inés Miranda e Miguel de Lira, que retomou a personaxe do Cabo Ameneiro. Agardemos que, con ocasión dunha efeméride tan especial como é a dun 20 aniversario, o grupo estea xa a preparar un novo traballo completo. Ou, polo menos, algunha gravación desta vindeira noite do 2 de decembro, que promete ficar para a lembranza.