Exeria anuncia o novo sinxelo «Ata que sexamos reis», que presentarán na Coruña, Culleredo e Vigo

Exeria é unha banda de rock nacida en 2021 na comarca do Condado, con epicentro en Ponteareas. Ao longo deste ano 2023 presentaron o seu primeiro sinxelo «Un novo nome» e deron unha chea de concertos pola metade sur de Galicia, chegando resultar gañadores do concurso de bandas do festival Trece Roeis de Ferreira de Pantón. Agora, o vindeiro venres día 27 de outubro estrearán o seu novo sinxelo, titulado «Ata que sexamos reis» e que virá acompañado dun videoclip dirixido por Nazaret Pastoriza. Un vídeo no que aparecerán as máscaras do Entroido das Perriñas, tradicional da aldea de Ribadetea, recentemente recuperado. Ao igual que con «Un novo nome», a banda gravou este novo sinxelo nos estudios Lufs de Ponteareas.

A portada do sinxelo está deseñada polo artista Adrián Rodríguez Porcel e, en palabras do grupo, «reflicte perfectamente a temática da canción, que trata sobre os esforzos que os protagonistas fan para acadar as súas metas, sexa en asuntos amorosos, conflitos internos ou escaladas de poder». Asuntos que o grupo trata «nunha clave case pop rock, con contundentes retrousos e partes mais oníricas, ambientais e melódicas», sinalan. Isto supón un lixeiro cambio no estilo habitual da banda, que eles mesmos definen como «nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos anos noventa, e incluso o britpop, todo aderezado con letras en galego». «As raíces son importantes para calquera proxecto, e a sensación de pertenza a un lugar e un tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear», precisan dende o grupo.

O grupo xa ten anunciadas dúas datas próximas para presentar este novo sinxelo. A primeira delas será na Coruña, na Disfrutona del Orzán, o sábado 28 de outubro ás 22:00 cun prezo de 10€ por entrada. Será xusto ao día seguinte do lanzamento do sinxelo, e estarán acompañados da banda Skirl. A segunda terá lugar xusto despois, o domingo 29 ás 13:30, amenizando a comida en La Gata Manda, en Culleredo. E a terceira será na Fábrica de Chocolate de Vigo, o martes 31 de agosto, como festa de Halloween. O evento comezará ás 21:30 e terá unha entrada de 8€, e xunto a Exeria subirá tamén ao escenario The Lelly Kelly’s.