O Ghallaecia Metalfest celebra en novembro en Mos a súa segunda edición

Continuando co seu obxectivo de unir as escenas metaleiras de Galicia e do norte de Portugal, o Ghallaecia Metalfest chegará o vindeiro día 25 de novembro, sábado, á súa segunda edición. Esta, ao igual que a primeira, terá lugar na Sala Rebullón de Mos, xestionada pola comunidade de montes da parroquia de Tameiga e que fai parte do Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas. O festival, organizado polo programa radiofónico portugués SOS Heavy Metal Radio Show e o seu homólogo galego Galiza Metálica, consolídase así como unha das grandes citas do xénero que se celebran cada ano no país.

Unha vez máis, o evento contará con catro bandas galegas e tres bandas do norte de Portugal. A representación galega estará formada este ano pola banda coruñesa de death metal melódico Bloodhunter, a banda viguesa de stoner metal Mano de Piedra, a banda coruñesa de black metal Lóstregos, e a banda larachesa de power metal progresivo Tálesien. Por outra banda, a delegación portuguesa que chegará a Mos estará conformada por Moonshade, do Porto, e mais Hunted Scriptum e Music in Low Frequencies, de Braga. En definitiva, un percorrido por diferentes estilos e épocas das escenas dos dous países para amosar a súa diversidade e calidade.

As portas da Sala Rebullón abriranse ás 18:30 da tarde. Na billeteira da propia sala poderán adquirirse as entradas para o evento a un prezo de 20€, mentres que en vivetix.com xa se poden adquirir as anticipadas a un prezo reducido de 15€. Despois dunha primeira edición o pasado 2022 na que Strikeback, Mileth, Pé Roto, Barbarian Prophecies, Capela Mortuaria, Elefantes Mutilados e The Mighty Mister Shame ateigaron a sala e deleitaron ao público, a entrega deste ano promete ser igualmente memorable.

SOS Heavy Metal Radio Show e Galiza Metálica levan dende os últimos tempos colaborando estreitamente na súa difusión da música metal e rock galega, portuguesa e internacional. O primeiro programa, o portugués, naceu xa no ano 1986, en plena época de apoxeo mundial da música metal, e hoxe en día se emite na radio Antena Minho da súa cidade natal, Braga. Sempre, da man do seu incansable locutor Filipe Marta, que nos últimos anos converteuse ademais no máis destacado promotor da escena metal galega dende as ondas portuguesas. De feito, a súa sección “Galicia metal” cumpriu 5 anos concretamente o pasado día 19 de outubro.

Pola súa banda, o podcast Galiza Metálica naceu a finais do ano 2021 da man de Patty Castro, coñecida por ser fundadora do colectivo Mulleres Galegas Kañeras, pola súa participación en diversos proxectos musicais e pola súa colaboración con outros medios como GZMúsica ou esta mesma revista. O podcast leva xa 44 entregas difundindo o metal e o rock da nosa terra, dando especial atención ás bandas formadas por mulleres e contando con colaboracións especiais como a de Óscar Besteiro de Barbarian Prophecies coa súa sección “Cita co underground” ou a da promotora compostelá Andrie Stonergasm coa súa nova sección “Galleta cósmica”. Ademais de estar dispoñible en internet, emítese tamén en Antena Minho por cortesía de SOS Heavy Metal Radio Show. Así, este novo Ghallaecia Metalfest é outro paso máis na colaboración entre os dous programas e tamén na colaboración entre as dúas escenas, e estamos seguros de que a súa traxectoria non ten feito máis que comezar.