9 anos do Rock Café de Compostela

O Rock Café é un dos principais bares rockeiros da cidade de Compostela, ben coñecido pola súa programación de concertos e polas reliquias do rock que decoran as súas paredes. A súa andaina comezou, ou máis ben recomezou, hai 9 anos, cando Laura Rey e o seu pai Juan Manuel Rey “Rock N Rivas” reabriron o local do xa histórico Rock Café anterior e lle deron unha nova vida. Veñen de celebrar precisamente a súa festa polo noveno aniversario, na que conmemoraron a súa traxectoria cun concerto de Malditos Pendejos que ateigou unha vez máis o bar de seguidores do rock. Con esta ocasión decidimos facer unha entrevista dobre, falando tanto con Juan Manuel como coa traballadora do bar Lara Alonso, coñecida na súa faceta de promotora de concertos como Andrie Stonergasm, para que nos contasen máis sobre a súa experiencia detrás da barra dun bar rockeiro.

Ademais da súa ambientación musical, o Rock Café destaca tamén pola súa decoración moteira, ou por permitir sempre a presencia de mascotas no local, que forman parte por dereito propio da clientela habitual. Tamén por organizar todos os anos, xunto ao club moteiro local Black Birds, unha recollida solidaria de xoguetes para os nenos e nenas máis desfavorecidos. Os xoguetes poden deixarse a cambio dun café, e rematan por amontonarse no bar dando lugar a unha peculiar estampa nos meses finais do outono. De todo isto e máis falamos con Juan Manuel Rey a continuación.

Malditos Pendejos, na festa do 9 aniversario do Rock Café. Foto de Inma Fernández

Boas, Juan Manuel! O primeiro polo que quería preguntarche é polos numerosos concertos que programades no bar, tanto acústicos como incluso en formato eléctrico. Que criterios seguides para escoller quen toca no local?

Primeiramente, ao ser esta unha cafetería, hai que ter en conta o tema da licencia e que o caché non sexa demasiado alto. A partir de aí, os músicos préstanse moito a tocar no bar, porque a verdade é que o local está espectacular para facer concertos, e a xente que ten tocado aquí queda tan contenta que chaman a máis xente. Xogamos sobre todo con bandas de aquí, de Galicia e de Compostela. Programo un concerto mensual e pido as datas ao Concello.

Falando do tema das licencias, moitas veces a lexislación é particularmente dura coa música ao vivo en bares. Hai uns anos foi un tema especialmente candente en Compostela. Que tal está ese asunto actualmente?

Bueno, a cousa está bastante complicada, sempre o estivo. Para facer un concerto hai que facelo ben, hai que ter xente profesional tocando e non armar demasiado jaleo, porque unha chamada dun veciño pode levar a que veña unha inspección e que pechen o local. Entón, procuramos contar sempre con xente moi profesional, xente que veña tocar é que como moi tarde ás 00:00-00:15 remate o concerto. Así, imos levándoo ben. Un concerto ao mes, claro, para non ser demasiado pesados. E como digo, se traes xente profesional, o público tamén demanda máis, así que a cousa vai indo ben. O que facemos é, cada 6 meses, pedir 6 datas, unha cada mes. E en cada unha desas datas metemos un concerto, un acústico, un dúo, un trío… De momento, en 9 anos non tivemos nunca ningún problema, non armamos moito jaleo.

En case un decenio tedes vivido da man da cidade a evolución da súa escena musical. Vedes algún cambio entre como era entón e como é agora? Supoño que dende detrás da barra terás contacto con moitas músicas e músicos.

Compostela é unha cidade de músicos e de grandes artistas. Hai bandas espectaculares. Dende sempre, dende hai 60-50 anos aquí hai moi grandes profesionais. Dependendo do ano e do panorama político varía, hai tiras e afrouxas… Pero si, no bar temos reunións de músicos continuamente. E tamén moita reunión de xente seguidora da música. Cada vez que hai algún concerto preto de aquí veñen tomar algo, comentan que novos concertos hai… Aquí mesmo teño á venda moitos discos de artistas de por aquí, como os de Marcos, Lou Reyes, de Carlos Arévalo, de Valentín Caamaño tanto co seu formato jazz como co seu formato rock and roll… Cantidade de artistas, temos unha lista moi, moi bonita na cidade.

E que artistas e estilos son os que máis vos gusta poñer no bar?

Polas mañás poño un repertorio entre o soul e o rock and roll clásico dos anos 50 ou 60, ou a veces tamén dos 70 con bandas tipo Smokie ou REO Speedwagon. A partir da tarde poñemos un pouquiño máis de rock and roll e hard rock. E pola noite subimos un pouco máis o ton, con hard rock, con heavy metal… Algo variado.

Collistes o local en 2014, cando se traspasaba o Rock Café anterior. Que diferenzas e similitudes vedes entre ese anterior Rock Café e o voso? A que se debeu esa aposta por manter o local?

Digamos que é un local bandeira. É como se fose o Hard Rock Café de Compostela, só con entrar daste de conta de que non é o típico bar, que está dedicado totalmente á música. Cando o collimos en 2014 estaba bastante afundido, bastante caído, custounos moito á miña filla e a min levantalo. Como sempre coñecimos xente do mundo do espectáculo e músicos, comezamos promocionalo na radio, en televisión, en prensa. Custou, custou bastante, pero agora xa estamos arriba de novo, é unha bandeira importante e a seguimos levando.

Tedes unha boa colección de posters e decoración diversa relacionada co rock. É do bar anterior, ou tamén a fostes vós acumulando?

Moito é do bar anterior, como os discos de ouro, posters de concertos que se fixeron aquí en Compostela como os míticos dos Rolling Stones ou de Bruce Springsteen, entradas de concertos aos que se foi… Hai tanta decoración que te podes perder aquí. Estatuas de Elvis Presley, dos Blues Brothers, fotografías de Marilyn Monroe, luces de neón… Moitas das cousas xa estaban aquí, o que fixemos foi enchelo moito máis e darlle para arriba, darlle luz.

Hai algunha cousa que teña algún valor en especial para vós? Algunha anécdota en particular?

Uf, demasiadas, iso é cuestión de vir ao bar e xa contamos todo (risas). Hai 50.000. Unha anécdota bonita é a de como conseguimos o disco de ouro da banda sonora da película de 1953 Os cabaleiros prefírenas loiras (Gentlemen prefer blondes), que o temos aquí no apartado onde temos a Marilyn Monroe. Apareceu aquí nunha tenda destas de segunda man, e un cliente díxonos que “ese cadro debería estar no Rock Café”. Automaticamente xa fun para alí, e xa o colguei, aquí está. Hai anécdotas igual que esta de todo o que hai aquí, de cada concerto que está aquí exposto, que foron todos vividos persoalmente. Tamén temos un disco de ouro que encargamos nós a Barcelona para adicarllo ao gran músico Martín Esturao de Mad Martin Trio, que ten tocado aquí. Dímosllo persoalmente e está aquí exposto no bar. Anécdotas, anécdotas do bar dende unha esquina a outra, para perderse.

Ademais de todo o relacionado coa música, tamén tedes o tema das motos, o das mascotas, facedes presentacións de libros… É unha oferta cultural ben completa. Entendo que ese era precisamente o voso obxectivo dende o principio.

Cando abrimos aquí empezabamos dende cero e agora xa somos unha referencia, temos miles de seguidores en redes, temos moito movemento, de rockeiros, de moteiros… Moito rock and roll, moita moto custom, moita Harley Davidson, moito estilo pin-up… Isto era efectivamente o que pretendíamos facer a miña filla e máis eu, darlle ambiente á zona, inspirados na música e no cinema, especialmente dos anos 70 e 80. Os 80 en particular porque foi unha época de moito color, onde houbo de todo, que lle gusta moito á xente. Cando apareceu a oportunidade do traspaso do Rock Café, pois a aproveitamos. E por suposto, os animaliños son todos moi ben recibidos, xa non agardan na porta, xa pasan eles para dentro incluso aínda que o dono non queira (risas). Unha oferta cultural como ti ben dis, moi ampla. E logo pois tamén temos o da recollida solidaria de xoguetes de todos os anos, que xa imos comezar agora en novembro.

Laura e Juan Manuel, na festa de aniversario

Ademais de con Juan Manuel Rey, falamos tamén con Lara Alonso, que, aínda que chegou ao bar máis recentemente, o propio Juan Manuel xa di que é “moi querida no Rock Café, é impresionante, currouno ela”. É ben coñecida na escena tamén precisamente pola súa faceta como organizadora de concertos, ámbito no que emprega os nomes de Andrie Stonergasm e Doomawaits. Entre os eventos que ten actualmente programados destaca o concerto de regreso da banda lucense de post metal Kalte Sonne, que tocará o 31 de outubro na Sala Moon, veciña do Rock Café, xunto aos andaluces Red Eyes. O concerto será ás 21:00 e a entrada ten un prezo de 7€ para as 50 primeiras e 11€ ata completar aforo. As entradas están xa á venda, como non, no Rock Café.

Lara, ou Andrie, como moitos a coñecemos, detrás da barra do Rock Café

Ola, Andrie! Dende detrás da barra do Rock Café seguramente coincidas con moita xente da escena de Compostela e mesmo de fóra dela. Fanse bos contactos musicais?

Moitos contactos de todo tipo, tanto musicais como doutras artes. Sobre todo, aprendo moito daquelas que non coñezo tanto por seren distantes aos estilos que adoito a traballar.

Que tal se combina o traballo no bar co de promotora de concertos?

Ben, axuda moito traballar de cara ao público deste xeito tan distendido. Non estamos a falar dun local sen contacto cos clientes, aquí fálase coa xente. Axuda moito tanto pola posibilidade de promocionar máis activamente os concertos que vou facendo, como polo constante descubrimento de novas bandas que se achegan ou que comparten con nós os propios clientes. A combinación fai que sexa doado coñecer e darse a coñecer. Se me preguntas polos horarios, ao ter sempre o turno de tarde/noite, se me complica asistir aos meus propios eventos, máis atopo sempre a axuda que preciso, non teño moita queixa.

Dende esa posición, como ves o estado da escena galega actualmente?

A escena galega véxoa perfecta, segue a moverse. Galiza sempre foi musical, dende a aldea máis remota até as elites das cidades, mais o problema está na falta de espazos onde desenvolver certas actividades musicais, ou os permisos que se dan para realizalas, nos que inclúo os relativos a tocar na rúa. Hai dez anos e máis, había xente tocando por todos os recunchos, iso sí que era escena.

En Compostela hai unha relativamente ampla oferta de bares de temática rockeira. Están tamén o Gasteiz, o Inferno, o Miúdo, o Cum… Por que cres que ocorre isto? Hai relación entre eles?

Ao contrario, quedamos ben pouquiños. Habendo máis de mil locais de restauración en toda Compostela, menos de dez bares desta temática parécenme ben poucos. De feito, están case todos na cidade vella, aquí no ensanche somos dous os que facemos a resistencia. Mais penso que sí que temos boa relación entre todos, tanto os da vella coma os do ensanche son hosteleiros de “toda a vida” xa, e neste nicho non somos de facernos competencia, máis ben o contrario.

O Rock Café está xusto ao lado dunha sala de concertos, a Moon, na que moitas veces organizas bolos e tes á venda as entradas no bar. Como é esa convivencia, hai algún tipo de colaboración máis formal?

A convivencia coa sala Moon é tranquila e veciñal, mais non é formal nun sentido colaborativo continuo. Quero dicir, as entradas póñoas á venda no Rock Café por dous motivos ben sinxelos: a proximidade e que é o meu lugar de traballo. Así, xestionar a prevenda é máis doado. Así como o fago eu, fano algunhas bandas de rock ou metal que non teñen que ver conmigo, pero os artistas doutros estilos procuran outros espazos que teñan que ver con eles, xa que probablemente nin teñan moita idea da nosa existencia (risas).