A banda cercedense Zënzar é nada menos que a formación en activo que máis anos ininterrompidos leva facendo rock en galego, acumulando xa 35 dende o seu debut. Ou, como eles mesmos din, “35 anos bourando”, en referencia ao mítico tema incluído na súa cinta Fascinados polo Prohibido e o seu primeiro CD Disparados ao Futuro. A primeira aliñación da banda, daquela co nome Mördor, estaba integrada naqueles primeiros anos por Manuel Silveira, Manolo García, Xosé Antón Bocixa, Luís Gómez, Jose Antonio Regueiro “Tabe” e Manuel Jesús. A estrea ao vivo da banda foi concretamente o día 23 de decembro de 1988 no pub Non Sei, na Silva. De aí que esta sexa precisamente a data escollida para a festa de aniversario na compostelá Sala Capitol neste ano 2023. Para tal ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, dende os máis clásicos ata os máis novos.
Zënzar comeza así a celebrar tan destacado aniversario. Pero o concerto na Capitol non será o único, nin é a única cousa que están a preparar: a finais de novembro publicarán o videoclip do tema inédito “Non é casual”, mentres que a súa baixista, a ilustradora Laura Romero, avanza no que será o libro ilustrado sobre a historia da banda. Unha publicación que verá a luz en marzo, e na que converxen decenas de voces que retratan e achegan unha historia que comeza no 1976 e que aínda hoxe está viva, sobre a contracultura nun recuncho da xeografía galega que foi sempre fértil para o rock e o punk galegos. Porque Zënzar son a banda decana da escena da comarca de Ordes, que, como xa temos dito varias veces nas nosas páxinas, ten dado lugar a moitos dos grupos máis destacados do país, en particular no ámbito da música en galego. E membros de varios deles se contarán entre os colaboradores que participarán no concerto.
As persoas que conforman Zënzar na actualidade son os membros fundadores Manolo García á batería e Bocixa á voz, xunto a Mario Grela á guitarra e coros, Paco Cerdeira “Pakolas” tamén á guitarra e coros, e Laura Romero ao baixo. Xunto a eles subirán ao escenario da Capitol artistas tan senlleiros como Vituco de Ruxe Ruxe, Xenderal, Mario César Vila de Túzaros ou InVivo entre outros, Soneira de Kastomä, Zeltia Irevire, Martín e Gonzalo de Machina, Mou de Dios Ke Te Crew (outra banda da comarca que celebrará axiña na Capitol o seu 20 aniversario), Ares de Os do Xalo, O Reverendo, Miguel Duarte, e mais o exmembro fundador da banda cercedense Manuel Silveira. Varios destes artistas e moitos máis participaran xa en 2013 na recompilación Vai polos Padriños: Tributo aos 25 Anos de Zënzar, cuxo tiítulo referencia o estatus da banda de “padriños” do rock en galego.
O evento está organizado pola promotora Plancto Xestión Cultural, liderada por Amós Varela, exbatería de Nao. Esta conta na súa lista de artistas con boa parte dos nomes galegos máis destacados de escenas como as do rock alternativo, o punk ou o metal na nosa lingua. As entradas para o evento están xa dispoñibles en formato dixital na web http://www.ticketandroll.com e en formato físico en diversos puntos de Ordes, Cerceda, Carral e Compostela. Pódese atopar máis información sobre os puntos de venda e outros detalles sobre o concerto na web da banda http://www.zenzar.info

A historia de Mördor e Zënzar comeza, como tal, algo antes de 1988. Concretamente, no outono de 1987 na parroquia cercedense de Meirama. A primeira canción que todos acordaron para dar as súas primeiras notas, relatan na súa web, fora unha versión de “Jumpin’ jack flash”, dos Rolling Stones, cantada en castelán. As primeiras composicións propias foron “Fuera de lugar” e máis “Cousa Branca”, que posteriormente aparecería no álbum de 2002 Rockanrol. Despois dese primeiro concerto no Non Sei da aldea cercedense da Silva, tocarían tamén no Picolinos de Cerceda, na Discoteca Plató da Laracha, ou no 1º Festival Rock de Meirama, semente do que logo sería o mítico Festival de Cerceda.
Desa etapa destaca unha gravación que se fixo dunha actuación en Meirama en marzo do 1990, non tanto pola calidade da mesma (xa que fora feita cunha gravadora portátil), senón pola súa condición de documento histórico, pois é a única gravación da banda en formato sexteto. Nela pódense escoitar as primeiras cancións do grupo, tanto as propias coma as versións para completar repertorio: “Tiempos nuevos” de Ilegales, “La chica de ayer” de Nacha Pop, “Lucille” de Little Richard, “Flor de luna” de Santana, etc. Nada que ver, admiten, co camiño tomado máis tarde polo grupo.
A finais do 1992, nos Estudios Pirámide da Coruña, Mördor grava a súa primeira maqueta de estudio, co título Contos e Lendas de Terra Adentro. Esta inclúe cinco temas que hoxe son clásicos no repertorio de Zënzar. Estreáronse xa cunha portada polémica, pois nela víase á policía local de Cerceda perseguindo uns ladróns no seu famoso Mercedes. Ao ano seguinte, logo de rebautizar ao grupo como Zënzar por motivos legais, aparecen dous temas seus no vinilo Rock na Costa da Morte, recompilación onde participan seis bandas da zona: Desertores do Arado, Impresentables, La Crema, Troleblues, Malavida e Zënzar, das cales só estes seguen en activo.

En 1995 editan a súa segunda maqueta, Fascinados polo Prohibido, composta de oito temas Nela aparece xa con claridade o estilo que caracterizará a Zënzar nesta etapa, que vai dende o punk rock e o heavy metal máis clásicos ata o hardcore punk e mesmo o crossover thrash en ocasións. E, por suposto, con letras en galego. Isto os entronca con outros pioneiros do hardcore e o metal en galego da época, como Desvirgheitors, Mala Oxtia, Túzaros ou Mol, pero cun estilo algo menos extremo e relativamente único na escena. Nesta época dan dous concertos con Extremoduro, e tamén con outras míticas bandas estatais como Platero y Tú, Boikot, Manolo Kabezabolo ou Barón Rojo.
No 1997 ve a luz o seu primeiro álbum en CD, Disparados ó futuro, composto por doce temas gravados nos Estudios Fussión de Vigo con Xavier Abreu aos mandos. Un destes foi precisamente “Bourando”, que lle da nome a este concerto polo 35º aniversario. Zënzar reafírmase neste disco na liña marcada pola anterior maqueta, e nel predominan, como remataría por ser marca da casa, as letras combativas e de denuncia social, sobre temas como a contaminación, as drogas ou a oposición ao servizo militar. O grupo fai unha extensa xira de presentación que se prolonga nos dous anos seguintes, da que destaca a participación en festivais como o primeiro Alén Galicia na Illa de Arousa ou o primeiro Santi Rock en Compostela. Colaboran ademais en dúas recompilacións: Bambán Vol. II e Oito anos de Sequestros, esta última en solidariedade cos presos independentistas galegos. Entra nesta época na banda o guitarrista Mario Grela.
En 2001 sae á luz o segundo disco de longa duración da banda, unha autoprodución tamén gravada nos estudios de Xavier Abreu baixo o título de Todo Vai Ben. Destaca a inclusión por primeira vez, en dous temas, de instrumentos tradicionais, como a gaita de Xan Papaqueixos en “Todos me queren” e o acordeón de Rómulo Sanjurjo dos Diplomáticos do Monte Alto en “A banda do coche encarnado”. Nada máis saír o disco á rúa, a banda comeza a xira máis longa da súa existencia, dando corenta concertos de xeito totalmente autoxestionado. No ano 2002 Zënzar saca o disco Rockanroll, gravado nos estudios Bonhan de A Coruña, no que fan un percorrido por temas inéditos rescatados dos inicios da banda. Destacan nesta época a súa primeira incursión en Madrid, na Sala Siroco, ou os dous concertos solidarios pola traxedia do Prestige, no pub A Roda, de Malpica e no Disco-pub Non Sei de Cerceda.
Posteriormente, Manuel Silveira abandonaría a banda, e co lanzamento de Sigue e dalle en 2006, consolidaríase o novo son do grupo, moito máis cercano ao punk rock e sen a influencia metal dos seus inicios, da que Silveira era parcialmente responsable. O disco foi gravado por Xavier Abreu no Estudio Océano de Nigrán, e inclúe tamén un DVD con contido diverso: videos, entrevistas, fotos, letras, rarezas, etc. Colaborou no álbum o guitarrista Paco Cerdeira, que posteriormente se convertería en membro oficial do grupo. O 2009, pola súa banda é o ano da publicación de A Tribu, de novo gravado por Abreu nos Océano. Nel colaboraron Xurxo Souto, Vituco Neira, Gende Beat, Pablo Dalama de Mamá Cabra, Sés, Manolo Suárez, David Bolaño, José Ares e o Reverendo Javier Pardeiro. Este disco presentouse no Festival de Cerceda de maio dese mesmo ano, e tamén no Karraskal Rock en Zamáns xunto a Rosendo, no Arreaocabo en Celeiro xunto a Segismundo Toxicómano, no Grelo Folk en Monfero xunto a Ultraqäns, ou no Galle-rock en Ribeira.
En decembro de 2011 publican o DVD Zënzar ao vivo, cunha selección de cancións extraídas do concerto que deu a banda no Festival de Cerceda en 2009. Fan dous concertos para presentar este traballo audiovisual, un na Taberna de Cerceda, en formato acústico por primeira vez na historia do grupo, e outro na sala Badulake de Ordes, con todos os colaboradores que aparecen no DVD, reafirmando a sempre presente tendencia do grupo de colaborar con outros artistas galegos. Este concerto serviu de despedida para o mítico local, que pecharía as súas portas un mes máis tarde.

Chegado o 2012 publican o seu sexto álbum, Vaise Armar, presentado nun concerto na sala Josfer do Mesón do Vento e posteriormente en festivais como o Derrame Rock ou o Brincadeira. Tamén na Josfer presentarían o seu seguinte álbum, Camiñando entre serpes, que saíu no 2015 e no que de novo contaron con múltiples colaboracións e con Xavier Abreu aos mandos, esta vez, do estudio Escola da Rúa de Carballo. Ao ano seguinte entraría na formación a actual baixista Laura Romero, pouco antes do falecemento do membro fundador Tabe. A principios do 2017 celebran o primeiro concerto homenaxe en memoria do baixista, cunha sala Malatesta de Santiago abarrotada para lembrar o seu legado.
Os de Cerceda continuarían nos anos seguintes coa súa apretada axenda de concertos, e a principios de 2020 lanzan o que ata o momento é o seu último traballo, Benvidas ó futuro, gravado por Roi Gil. Neste disco, que referencia o título do seu primeiro CD, o grupo mantén as letras sobre medio ambiente, loitas sociais e demais temáticas reivindicativas presentes dende aqueles primeiros traballos, demostrando que aquel futuro que se soñaba nos anos 90 non é moi distinto a aquela época. De feito, boa parte dos temas do disco son revisións de temas anteriores, como “A culpa foi de Leño”, elixida para un dos dous videoclips que saíron deste disco xunto á nova composición “Standing rock”.
Como se pode apreciar, estes 35 anos de historia de Zënzar deron para moito, e facerlles xustiza sobre un escenario nunha festa de aniversario é todo un desafío. Pero os de Cerceda son unha das bandas máis duradeiras do panorama galego por algo, e estamos convencidos de que a do 23 de decembro na Capitol vai ser verdadeiramente unha noite para a lembranza. Perfecta para ir abrindo boca de cara a eses novos traballos que teñen en camiño. E que sexan outros 35 anos máis!