A cantautora arteixá Silvia Penide lanzou o pasado día 10 de novembro o seu novo sinxelo, “Reventaba”, nas principais plataformas dixitais. Esta canción, cuxa versión orixinal aparece no seu disco de 2007 Desafinante crónica, é agora reinterpretada coa compaña dunha das voces máis destacadas do rock español dende os anos oitenta, a da cantante e compositora madrileña Mercedes Ferrer. No tema pódese apreciar o estilo pop rock independente da de Arteixo, acompañada dunha banda completa en contraposición a outras cancións máis puramente acústicas que forman parte da súa dilatada discografía.
“Poder contar con ela para revisar e revisitar esta canción, quince anos despois, foi un agasallo, xa que Mercedes Ferrer é unha artista imprescindible”, apunta Penide. “Reventaba” é o segundo sinxelo que se pode escoitar, en plataformas dixitais do novo traballo discográfico da creadora galega Mientras dura el aplauso. O primeiro foi “El salto”, con Guadi Galego, publicado simultaneamente ao álbum o o pasado 26 de xullo. O disco completo está unicamente dispoñible en formato físico, nun vinilo branco coas súas 250 acopias numeradas a man pola propia compositora. Este traballo recolle algúns dos grandes éxitos da carreira musical da artista, ademais dun tema inédito, “El colchón y el diván”. O lanzamento de “Reventaba” chega tamén acompañado dunha versión en acústico, unicamente con guitarra e voz, de “Ni tu ni nadie” de Alaska y Dinarama, un dos temas preferidos de autora como ela mesma explica. A peza xa foi interpretada pola artista nalgúns dos seus directos, e é lanzado a xeito de “agasallo” da cantautora para as súas seguidoras e seguidores máis fieis.
Co lanzamento de Mientras dura el aplauso, Silvia Penide celebrou este ano 2023 as súas dúas décadas dende o lanzamento do seu primeiro álbum. Esta nova recompilación, mesturada e masterizada por Arturo Vaqueiro, destaca ademais por ser o primeiro lanzamento en vinilo da artista na súa traxectoria. Para tal ocasión, Penide rodeouse de grandes voces da escena musical galega e estatal. Así, temas dos seus anteriores traballos discográficos, como “Reventaba”, “El efecto boomerang” ou “Descredo” contan agora con colaboracións tan destacadas como son as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel ou Javier Álvarez, respectivamente. No novo LP, Penide comparte tamén as súas cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez ou Guadi Galego. O disco está dispoñible en diversas tendas de Arteixo, A Coruña, Santiago, Vigo e Madrid. Tamén se pode adquirir a través da web da artista, http://www.silviapenide.com
Outro dos temas máis destacados de Mientras dura el aplauso es “Diferentes Direfenzas”, tema que nace do libro infantil homónimo escrito por Silvia Penide e que neste caso conta coa colaboración, nos coros, de membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña. O disco foi presentado ante a prensa no coruñés Café Doré, e posteriormente ao vivo en festivais e salas de Boimorto, A Coruña, Barcelona, Pontevedra, Sevilla ou Arteixo. O concerto en Pontevedra foi particularmente destacado por coincidir co Día Internacional da Lingua de Signos, ocasión pola que a cantautura estivo acompañada no escenario non só pola súa banda ao completo, senón tamén por unha intérprete que traduciu as súas letras e as súas interaccións co público a esta linguaxe.
Silvia Penide comezou tocar a guitarra con 14 anos, e axiña empezou compoñer. En 1997 autoeditou a súa primeira maqueta, Alicerce, e repetiu o formato con Azul en 1999 e Mundo de cuerdos en 2001. En 2003 chegou o seu primeiro álbum de estudio completo, Kilómetros, ao que lle seguirían Invisible en 2005 e Desafinante Crónica en 2007. Pouco a pouco, comeza a trasladar a súa proposta ao vivo non só por toda a península, senón tamén por Croacia, italia, Eslovenia, Portugal ou Alemania. En 2010 chegaría o EP Las Erres Dobles, e en 2012 o álbum Animal de Compañía. Compartiría escenario con artistas como La Fuga, Los Secretos, Annie B. Sweet, Mäbu ou Mercedes Peón.
En 2016 estrea Todo pintado de plata, e consegue o Premio Martín Codax na categoría Pop/Indie, na que xa estivera nominada anteriormente e que volvería gañar posteriormente. Paralelamente, non deixa de xirar, tocando en espazos como Paseantes, O mar nunha flor, Os Xoves de Códax, o Atlantic Fest ou os Xoves de música no Teatro Colón da Coruña. Antes de lanzar a compilación Mientras dura el aplauso, os últimos traballos de estudio de Penide foron El efecto boomerang en 2018 e Los días de plomo en 2021. Ademais, a artista arteixá foi a responsable tamén da banda sonora da curtametraxe de Olaia Sendón Os fabulosos irmáns da luz (2008) xunto con Alejandro Masafret, e tamén da do documental da mesma autora Kauflanders (2016).