O Ghallaecia Metalfest regresa xa esta semana coa súa segunda edición, que terá lugar, como xa vos contamos anteriormente nas nosas páxinas, o sábado 25 de novembro. A cita comezará a partir das 18:30 horas na Sala Rebullón de Tameiga, Mos. Esta produción conxunta do portugués SOS Heavy Metal Radio Show e o podcast galego Galiza Metálica, ambos programas emitidos a través da emisora autonómica Rádio Bracarense Antena Minho (106.0 FM), é o único festival dedicado exclusivamente ás bandas de metal do territorio da antiga Gallaecia romana, contribuíndo a fomentar conexións musicais aínda máis fondas entre ambas as dúas beiras do río Miño.
O cartaz completo do evento está formado polos galegos Bloodhunter (A Coruña), Lóstregos (A Coruña), Mano de Piedra (Vigo) e Tálesien (A Laracha), e tamén polos portugueses Moonshade (Porto), Hunted Scriptum (Braga) e Music in Low Frequencies (Braga). As entradas anticipadas están á venda por 15 euros en https://vivetix.com/entradas-ghallaecia-metalfest-dyjy e na billeteira estarán dispoñibles o propio día do evento a 20€. Nas redes sociais do festival e dos seus programas impulsores compártese a cotío toda a información sobre esta data tan sinalada para o metal galego e portugués.
Tálesien son unha banda de power metal progresivo fundada na Laracha a finais dos anos noventa, entón baixo o nome de Kraken. Son, polo tanto unha das formacións galegas de metal en activo máis veteranas, e teñen catro álbumes de estudio e dous EPs no seu haber para atestigualo. O seu último disco é un álbum homónimo lanzado en 2016 por Suspiria Records, pero neste momento están traballando na súa continuación, da que xa teñen lanzado un adianto: o sinxelo “Obsesión”, que veu a luz o pasado ano 2021 acompañado do seu correspondente videoclip. Ao longo da súa dilatada traxectoria teñen dado innumerables concertos, acompañando a moitos dos máis recoñecidos nomes do metal internacional.
Mano de Piedra, por outra banda, naceron en 2016 en Vigo, aínda que os seus catro membros proceden dunha variedade de destacadas bandas da zona, como Supa Scoopa, Sem Resposta, Ofensiva, N.O.T., Carcomedhi ou In.Verno. O seu estilo incorpora influencias do stoner metal, do sludge ou do groove metal. Isto pódese apreciar no seu EP homónimo de 2017 e no seu álbum Today’s ashes de 2019, con temas como “Ancient gods” ou “We are sickness”. Son un nome habitual en salas e festivais de toda Galicia.
Lóstregos, que xa teñen aparecido numerosas veces nas páxinas da nosa revista, son, pola súa banda, unha agrupación de black metal nacida no ano 2014 na Coruña. Un dos nomes máis relevantes do metal extremo en lingua galega, teñen tres lanzamentos nas rúas: o EP de 2016 Alzamento no norte, o álbum de 2017 Lendas baixo o luar, e o álbum de 2021 Onde calan os corazóns, ruxen as pedras. Ademais, participaron en 2019 na recompilación tributo a Bathory Lords of the north co tema “Un bo día pra morrer”, versión do tema “A fine day to day” dos suecos. Esta última canción foi incluída como tema extra na recente reedición de Alzamento no norte, por primeira vez en vinilo, a cargo do selo estatal Vertebrae.
Tamén naceron na Coruña os cabezas de cartaz do festival, Bloodhunter. A pesar de que a banda está actualmente radicada en Madrid, foi co selo galego Suspiria Records con quen lanzaron o seu primeiro álbum, tamén chamado Bloodhunter, en 2014. O quinteto liderado pola vocalista Diva Satánica e o guitarrista fundador Dani Arcos pasaría logo ao selo español Xtreem Music para lanzar The end of faith en 2017, e posteriormente a Maldito Records para Knowledge was the price (2022). Polo camiño, teñense convertido nunha das bandas de metal estatais actuais máis recoñecidas internacionalmente, e demostrarán por que sobre o escenario da sala Rebullón este sábado.
