O vindeiro día 1 de decembro, venres, o cuarteto lucense de death metal melódico Barbarian Prophecies estreará un novo tema e videoclip, titulado “December”. O vídeo foi gravado polos colaboradores habituais da banda 60 Ráfagas Estudio no que definen como “o local máis emblemático de Lugo”: a ACDE Buril de Sarria, onde ten lugar habitualmente o Napalm Fest impulsado pola banda entre outros moitos concertos. Para a súa gravación contaron coa participación de “moitos amigo e amigas da escena e entusiastas do metal underground”.
“Con este clip queremos celebrar os 24 anos da banda, que se cumpren en xaneiro, e tamén anunciar a saída dun novo EP” que terá tamén o título de December, anunciou recentemente a banda nas súas redes sociais. Este novo traballo incluirá “unha versión exclusiva” do tema do novo videoclip, mesturada e masterizada, como é habitual no cuarteto, por Iván Ferro (Ictus, Khmer, Negarte) en Kollapse Studio. Tamén conterá o EP as diferentes versións que o grupo foi presentando nos últimos meses.
Estas versións foron dende o “Déjalo” da mítica banda lucense de heavy metal Épsilon, versionado en galego como parte da compilación Ferro e pedra: homenaxe ós precursores lanzada no pasado Día das Letras Galegas xunto a outras 9 bandas, ata o “Message in a Bottle” de The Police, pasando polo tamén clásico “Detroit rock city” de Kiss. Esta última versión foi parte tamén dunha recompilación, neste caso un tributo death metal á célebre banda americana. Foi titulado Hotter than hell, colder than death: a death metal tribute to Kiss e editado en 2022 por un dos selo que habitualmente edita o traballo dos de Lugo, o estatal Base Record Production liderado polo prolífico Gaspar del Valle Marco.
O grupo anuncia así mesmo “unha reedición do noso último álbum Horizon, actualmente esgotado, e máis sorpresas”. Todo isto “baixo o apoio do noso amigo Gaspar de Base Record Production”, selo que xa está a aceptar preorders desta futura edición limitada. Paralelamente a estes anuncios, o grupo segue co seu incansable ritmo de directos. Recentemente estiveron en Portugal, e este sábado 25 de novembro estarán no festival Dark Eargasm en El Prat de Llobregat xunto a Vidres a la Sang, Moonloop, Adrift, Litost e Jade. A fin de semana do 1 e o 2 de decembro, mentres sae o novo vídeo, tocarán xunto a Elitium en Sarria (+Brutal Fly) e en Xixón (+World of Decay) respectivamente, e o 16 de decembro acudirán á Coruña para compartir escenario con Northslave e Kuna de Odio.
