Scent of Death, Infrahumano, Mondo Podre e Raze, “unidos na brutalidade” na sala Master

A sala viguesa Masterclub acollerá, o vindeiro día 2 de decembro, o festival United in Brutality, que xuntará a catro destacadas bandas de metal extremo galegas. Scent of Death, Infrahumano, Mondo Podre e Raze conforman un cartel que recolle a gran variedade da música extrema ao longo de todo o país, dende o thrash metal ata o brutal death metal técnico. A entrada ten un prezo único de 18€, e as portas da Master abriranse ás 20:30 dese sábado 2 de decembro para posteriormente dar comezo ao festival ás 21:00. Colaboran co evento o bar rockeiro Revolver e o estudio de tatuaxe Maury Dark Arts. De feito, a compra da entrada inclúe a participación no sorteo de 5 packs de CDs e mais dunha tatuaxe a cargo do citado estudio.

Os membros de Scent of Death

Scent of Death son a banda que encabeza o cartaz, facendo honra aos seus 25 anos de traxectoria. Dende a súa fundación en Ourense en 1998, a banda ten lanzado, co odio como temática condutora, os traballos Entangled in hate (2002), Woven in the book of hate (2005), Of martyr’s agony and hate (2012) e o seu último álbum Into everlasting hate (2023), en cuxa xira de presentación están inmersos. Porán o broche de ouro ao festival co seu brutal death metal despiadado á vez que técnico. Xa visitaron as terras bañadas pola ría de Vigo recentemente, en verán, coa súa participación no festival Kanekas de Cangas do Morrazo, pero esta vez será a ocasión para que os vigueses poidan ver en acción ao recén chegado novo vocalista da banda. Este non é outro que Marcos Vortex, tamén membro da banda viguesa de death metal melódico Agónica.

O cuarteto de death metal Infrahumano, por outra banda, fundouse en Vigo en 2014, e conta no seu haber co álbum de 2019 Echoes of decay entre outros lanzamentos. Mondo Podre, mentres tanto, ten aos seus catro membros actuais repartidos por Mos, Tomiño, Pontevedra e A Coruña, e no seu recente álbum Necronomía de Subexistencia (2022) demostran a súa particular aproximación ao grindcore, na que tamén ten cabida, por suposto, unha boa dose de death metal. A contraparte a tanto death a pon o cuarteto coruñés de thrash metal Raze, fundado en 2007 e que conta con diversos traballos discográficos editados, entre os que destaca o álbum de 2015 Mankind’s heritage. Nas catro bandas atopamos, ademais, membros de infinidade doutras agrupacións destacadas da escena, polo que o evento será unha festa do metal galego en toda regra.