Mr. Kamándula é unha banda de hard rock en galego orixinaria, como eles mesmos din, “das prolíficas terras de Cerceda”. No pasado día 1 de decembro, venres, estrearon en Youtube o seu novo sinxelo e videoclip, “Nove meses”. Este é o seu último traballo logo do EP homónimo de 2020 e o sinxelo de 2021 “O apalpador”, que tamén veu acompañado de videoclip.
Este novo tema do cuarteto foi gravado por Mahi Ferradás de Broa no Cimática Studio do seu propio municipio Cerceda. Nel amosan a súa “parte máis intima e persoal”, e abordan “ese período cheo de cambios, ilusións e medos que supón a chegada dun novo membro á familia” logo dos nove meses de embarazo. O apartado gráfico foi responsabilidade da deseñadora maiDese.
O vídeo musical que acompaña á canción foi realizado en outubro de 2023 por Pixelin Photo, ao igual que o de “O apalpador” (cuxo audio tamén fora gravado por Mahi Ferradás en Cimática). O clip transcurre en Ordes, na antiga estación da Pontraga e no bar Orellas, e dende a banda resaltan o seu agradecemento “a toda a xente que se prestou para facelo posible”: Sesé, Prego, Lucas, Nico, Daniella, Enio, Milos, Hermes, David, Óscar, Nedo…
O tema xa foi debidamente presentado en directo ao día seguinte de ser lanzado, o pasado sábado 2 de decembro, na sala A Reserva, en Carballo, xunto a outra banda galega, Adhara&Ritman. Como outras tantas bandas do estilo e da comarca, Mr. Kamándula traballan coa promotora Plancto Xestión Cultural liderada polo exbatería de Nao, Amós Varela.