Guadi Galego regresa aos escenarios co seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta que presentará sobre as táboas dos teatros galegos en tres concertos exclusivos. Estes terán lugar o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Compostela, o 27 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan. As entradas para as actuacións da cantante e compositora cedeiresa están á venda en www.ataquilla.com tanto no caso de Ferrol como no de Pontevedra. As do concerto en Compostela xa están esgotadas, posto que se venderon todas en menos de 24 horas.
Logo do lanzamento de Roibén (2022) e dunha ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego prepara agora este novo espectáculo co obxectivo de dar paso “a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela”. E o fai non sen temas novos baixo o brazo. Se o pasado mes de setembro presentaba “O.D.A”, unha “declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida”, e en novembro lanzaba a colaboración con Nastasia Zürcher “Luz do Norte”, agora acaba de lanzar o sinxelo “O Mar”. Este está composto por dous temas, “Imaxinando” e “Mar”, e veu a luz o pasado día 1 de decembro.
Con Síntese Horizonte, Guadi Galego realiza unha aposta pola evolución do seu son, reivindicando, explica, “a firme crenza do poder transformador da música ao vivo”. Con este obxectivo, para estes tres primeiros directos, a artista acompañarase dunha banda conformada por grandes artistas do país reunida especialmente para a ocasión. Farán parte da mesma Guillerme Fernández nas guitarras, Rubén Iglesias no baixo e nos sintetizadores, Isaac Palacín na batería e na percursión, Álex Fernández nos teclados, e mais un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.
A produción de Síntese Horizonte destacará, segundo nos avanza a artista, pola súa iluminación, baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro de NONONON.LAB, e pola súa posta en escena, a cargo de Marina Oural e Ugía Pedreira da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento. Estas artistas levan desenvolvendo traballo en común con Guadi Galego dende hai meses, coa premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical “única e transformadora”.
Guadi Galego é unha das cantautoras máis destacadas da escena musical galega dos últimos anos, cunha andaina musical que comezou sendo ela moi nova, especialmente vencellada ao grupo folk Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira. Co tempo, isto deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario co álbum Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto, O mundo está parado, Inmersión, Costuras, e o máis recente Roibén, un LP que a artista presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. A ampla traxectoria da de Cedeira caracterízase pola incorporación de diversos xéneros musicais que van dende a música tradicional galega ao indie pop, cun gran protagonismo da lingua galega na súa música.
