Paco Cerdeira, mellor coñecido como Pakolas, traenos un novo videoclip de rock en galego para nenas e nenos, titulado “Voltar”. Nel, o músico está acompañado nada menos que pola súa filla Carmela, que interpreta á protagonista homónima do seu último traballo, o libro-QR A Ramona Pequena vai á Lúa (Editorial Galaxia, 2023). A este libro musical pertence precisamente esta canción, que se une a outros videoclips lanzados para promocionar o traballo, como o de “Coas mans”, co que o artista conmemorou a realización do seu concerto número 666 como Pakolas na Sala Rebullón de Tameiga, Mos.
A Ramona Pequena vai á Lúa conta a historia de Ramona, unha nena “movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa, espelida, e que conseguiu nada máis e nada menos que, alá polo ano 1967, viaxar ata a Lúa”. E o videoclip xurdiu, explica o autor, “cunha nova tan desalentadora á vez que tan común entre as terrícolas, a de ter que cambiar a neveira”. E é que a caixa de cartón que contiña tal electrodoméstico transformouse na nave espacial pilotada por Carmela no vídeo de “Voltar”.

A pesar de tratarse dun tema composto para a cativada, nel non faltan riffs e melodías rockeiras que ben poderían facer parte do repertorio de calquera banda de rock. E, ademais, cantado en galego. Non moita xente pode presumir de adicarse profesionalmente ao rock na nosa lingua! O videoclip de “Voltar” vén acompañado, así mesmo, dun vídeo “como se fixo” co que podemos descubrir como Pakolas e Ramona converteron “unha simple caixa de cartón en moitas horas de diversión”.
Cómpre lembrar, así mesmo, que Paco Cerdeira é membro da banda cercedense de punk rock en galego Zënzar, á que se uniu pouco despois de colaborar no seu álbum de 2006 Sigue e dalle. A formación está celebrando precisamente a súa dilatada historia como banda referente no rock na nosa lingua, e dentro destas celebracións darán un concerto polo seu 35 aniversario o vindeiro día 23 de decembro, sábado, na Sala Capitol de Compostela. Se tedes ocasión de asistir, non perdades a oportunidade, posto que neste concerto o quinteto estará acompañado dunha chea de destacadísimos artistas galegos de diversos estilos.