O trío vigués Treintañeras Cañeras ten xa un novo sinxelo, “Babyexpress”. Neste tema, que serve como primeiro adianto do que será o seu novo disco en 2024, tratan de xeito satírico, como é habitual neles, o tema da xestación subrogada e o tráfico de persoas que esta supón. Esta parodia, sinalan dende a súa promotora e discográfica Galunk Producións, “demostra o seu crecemento e madurez musical sen perder a súa liña de riffs de guitarras contundentes e letras punzantes coa súa xa coñecida ironía e sarcasmo para demostrar unha crítica cara a unha sociedade cada vez máis deshumanizada”.
O seu novo traballo de estudio, que será o seu segundo álbum despois do disco de 2022 Música para el programa de Bertín Osborne, verá previsiblemente a luz en 2024 baixo a man de Galunk Producións. O seu adianto “Babyexpress” foi producido por Paco Serén e Treintañeras Cañeras nos Eclipsis Studios de Ponteareas e gravado e mesturado por Pancho Suárez en Planta Sónica 2 de Vigo. A masterización correu a cargo do alemán Robin Schmidt en 24-96. O tema conta cun vídeo musical tamén producido e dirixido por Paco Serén e Treintañeras Cañeras. Pablo Rodríguez foi o asistente de produción, e aparecen no vídeo Marcos Martínez, Pablo Barros, Juan Pablo Otero e Raquel Rodríguez.
Treintañeras Cañeras, que define o seu estilo simplemente como “sexy rock ‘n’ roll”, foi formada en Vigo a mediados de 2017. No outono dese mesmo ano vería a luz o seu primeiro sinxelo, “Caimán do Ku Klux Klan”, ó que seguirían os EPs Calienta que sales (2018) e Cabaña caníbal (2019), todos eles coa produción de Serén, fundador de Los Piratas, en Eclipsis. En 2022, co final da pandemia, publican o seu primeiro LP de estudio Música para o programa de Bertín Osborne, co que comezan unha xira por salas co único propósito de “atormentar a todo ser vivo que se lles cruce polo camiño”. Este traballo de 8 cortes e menos de media hora de duración, en palabras do trío, “define o novo estilo da banda con guitarras afiadas e voces agresivos moi persoais, viaxando do rock’n’roll máis cru ata uns tons que rozan o metal con influencias en grao sumo variadas”.