Dios Ke Te Crew colabora con Nashgul, Mundo Prestigio ou Grande Amore nun disco-fanzine

Dios Ke Te Crew celebrou, o pasado día 2 de decembro, o seu viséximo aniversario por todo o alto. Fixérono cun multitudinario concerto na Sala Capitol, seguido dunha igualmente ateigada festa na Sala Malatesta de Compostela. Porén, isto no foi todo, xa que no mesmo día da celebración repartiron entre os e as asistentes un disco-fanzine, chamado, ao igual que o propio concerto de aniversario Tremendos anos 20. Nel, 20 artistas musicais reinterpretaron outros tantos temas da mítica banda galega de hip-hop. Estas remesturas e novas versións, nas que os de Ordes colaboran con músicos e músicas de estilos moi diferentes, veñen acompañadas así mesmo de 20 ilustracións correspondentes de 20 artistas gráficas distintas.

Xa se pode escoitar este novo traballo nas principais plataformas dixitais. Tamén a través dos códigos QR incluídos no fanzine, editado en formato A5 a imaxe e semellanza dos fanzines históricos. Esta edición física do traballo, salvo novidade, está xa esgotada, xa que as súas copias foron exclusivamente entregadas aos asistentes do evento, que antes da súa celebración levaba xa semanas co cartel de “sold out” pendurado.

Unha das bandas que máis destacan dentro da lista de participantes nesta recompilación Tremendos anos 20 é o cuarteto coruñés de grindcore Nashgul, que xunto a Dios Ke Te Crew asina unha versión ben potente do tema “Reinicio”, pertencente ao ata o momento último álbum de estudio completo dos ordenses, O ciclo da serpe de 2019. Os coruñeses dan o seu toque extremo, voces incluídas, a un tema que xa era cañeiro de por si; algo nada infrecuente na discografía dun grupo tan acostumado a mesturar o hip hop con diferentes estilos de rock como é Dios Ke Te Crew. No resto de cancións atopamos nomes igualmente destacados de distintos xéneros, como son os de Grande Amore, Mundo Prestigio, Ortiga, Malandrómeda, Javi Fluzo, Juait, CRNDS, 2pasos, Padre Murdock, Frank Juxley, DJ Mil, Hermano L, Karma Sound, Terrae, Coio, Figueroa, High Paw, Xurxo Master ou Mou.

DKTC completa a súa conmemoración destes 20 temas de toda a súa traxectoria cos traballos gráficos de Maz, Twee Muizen, GR170, Lidia Cao, Nove Noel, Luís Sendón, Ana Langeheldt, Daan Botlek, Daniel Muñoz ‘San’, Xoana Almar, Alba Fabre Sacristán, A.L. Crego, Alegría del Prado, Mr. Difuz, Sortwo, Sokram, Leandro Barea, Sr. X, Miguel Peralta ou Sekone. Atopamos nomes de primeiro nivel tanto galegos como estatais, que fan seus, a través das imaxes, os 20 temas que se inclúen no disco-fanzine.