Con motivo do pasado Día de Reis, Os Vacalouras quixeron darnos un agasallo a todas nós co lanzamento de “Game Boy”, o seu novo sinxelo, acompañado así mesmo do anuncio de que a banda está xa “traballando en cousas novas”. A discográfica e promotora da banda, Galunk Producións, sinala que este novo tema, que conta coa produción musical de Lúcas Márquez “Muki”, supón “un crecemento e madurez musical e sobre todo sonoro”.
“Game Boy” é unha canción que expresa a raiba e decepción dun neno (Gabi Vacaloura) que, despois de todo o esforzo de portarse ben durante un ano e facer méritos para conseguir a súa desexada consola, ve que por nadal os Reis Magos (Víctor, Pepe e Adrián) traen unicamente roupa, e non o que máis quería. O neno síntese traizoado e decide vingarse das súas maxestades de oriente, algo que de seguro pasou pola mente de millóns de cativos e cativas que se viron na mesma situación.

A canción está acompañada dun memorable videoclip, creado, editado e montado polos propios membros da banda. Nel, fan referencia a numerosos videoxogos clásicos tanto da Game Boy como doutras plataformas, pasados polo filtro da cultura popular galega e viguesa e polo da particular retranca da banda. Super Mario, Pokemon, Pac-Man, Kirby, Tetris, Doom, Donkey Kong, Zelda, V-Rally, Dance Dance Revolution, Mortal Kombat, Mega Man, Shovel Knight, Bomberman, Crash Bandicoot, Age of Empires, Final Fantasy, Metroid, Dark Souls… Ata o Siniestro Total II: El Regreso fai a súa aparición no vídeo.
Os Vacalouras son, dende hai máis de 15 anos, unha das bandas máis orixinais do punk rock galego, incorporando influencias da música tradicional galega e da escena bravú dos anos 90. Conservando a súa formación orixinal ao longo de toda a súa traxectoria, o cuarteto formado por Gabi, Víctor, Pepe e Adrián ten lanzado numerosos discos, sendo o último deles o álbum completo de estudio Xuventude Prexubilada (2021). Este traballo, producido por eles mesmos e lanzado por Galunk Producións, levounos dar concertos por toda Galicia. Entre os seus temas destaca “O Samil é Portugal”, a súa estelar colaboración co reputado e querido músico portugués Quim Barreiros, icona popular do país veciño.
Ademais dos Vacalouras, os membros da banda fundaron tamén, xunto aos da xa desaparecida Neverside, a Orquesta Neverloura, un grupo de versións habitual das verbenas galegas que celebrou o pasado 15 de decembro na Sala Master de Vigo o seu 10 aniversario. A orquestra conta actualmente nas súas filas, ademais de con membros das bandas xa mencionadas, con Pla Vinseiro, membro de Crisix e exmembro de bandas galegas como Mutant.