Os selos discográficos Romantic Songs Recordings, La Rubia Producciones, Interstellar Smoke Records e Vertebrae presentan a nova colaboración entre a banda coruñesa Cruzeiro e a italiana Stryx, dúas formacións de doom metal psicodélico lideradas por vocalistas mulleres. A edición deste EP compartido, que combina un novo sinxelo de cada banda, será tanto dixital como física cun vinilo de 7 pulgadas. As dúas cancións poden escoitarse dende o pasado día 6 de xaneiro en todas as principais plataformas dixitais de música.
No seu tema pertencente a este novo lanzamento, “Naufraxio”, Cruzeiro percorre, “dende a mística paisaxística da Galiza […] a súa costa atlántica para retratar as imaxes deixadas polos restos dun naufraxio imaxinario”. A letra da canción constrúese a partir de certos fragmentos do poema homónimo do coruñés Aleixandre Lago Barcala, dando lugar así a “unha viaxe sonora que pretende somerxer aos seus ouvintes nun océano cheo de riffs etéreos e melodías inquedantes, e cunha voz disposta a inmovilizar aos mariñeiros das augas máis salvaxes”, segundo sinalan dende a propia banda.
Na outra cara da colaboración, Stryx, unha banda formada a medio camiño entre Alemania e a rexión italiana das Marcas, presenta o seu novo sinxelo “Seta Nera”, co que pretende “envolver ao seu público nunha seda preta cos seus riffs sinistros e as súas voces delirantes, cornadas de doom decididas a presaxiar unha inquedante revolta contra a hipocresía da igrexa católica italiana”. Para Cruzeiro, esta colaboración entre as dúas bandas “reflicte o alcance xa global do xénero do doom de tipo psicodélico e mailo vibrante mosaico da escena musical underground”.
Fundado na Coruña en 2019, Cruzeiro está formado por Beatriz Onyx á voz, Gon. B á guitarra, Raposa ao baixo e Rust á batería. O grupo define o seu estilo como “sons envolventes e contundentes, lisérxicos e cósmicos”, e está influenciado por agrupacións de referencia do stoner doom como son Windhand, Om, Sleep, Electric Wizard e maila sempre icónica Black Sabbath. A agrupación lanzou a súa demo de presentación no propio ano 2019, e o seu álbum completo homónimo chegaría dous anos despois, a finais de 2021.
Stryx, por outra banda, bebe dos referentes do doom metal en Italia, como son Paul Chain, Antonius Rex e Death SS. O compositor e guitarrista fundador da banda, baixo o pseudónimo de The Undertaker, sumou posteriormente a The Priestess na voz, The Magus no baixo e The Wraith na batería, nunha “congregación retro tinguida de ocultismo”. De aí o nome de Stryx, que é o dunha criatura mitolóxica nocturna de orixe grego e latino, semellante ao moucho, e tamén dun controvertido programa de televisión italiano dos anos 70, vinculado tematicamente ao ocultismo. A súa música combina o rock psicodélico e o doom metal co obxectivo de “contraexorcizar os horrores da igrexa católica italiana coas súas ladaíñas psicodélicas tan impregnadas de fatalismo e nihilismo”. Non sorprende a súa aparición, pois, en terras italianas, sendo Italia un país que conta cunha das mellores e máis lendarias escenas de doom metal do globo.
