Maneiro presenta o seu último disco, Un Bonito Despertar, en sete localidades galegas

Javi Maneiro, coñecido pola súa traxectoria como vocalista de Heredeiros da Crus, iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum en solitario, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia. O cantante e compositor dará así a coñecer o que é o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo co público galego.

En total serán catro fins de semana de concertos, nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club da Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo o sábado 24 e no Centro Torrente Ballester de Ferrol o domingo 25. Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Maneiro amósase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar o pasado mes de xuño na Sala Capitol de Compostela. Levará así polas 7 principais cidades do país e mais por Boiro un disco moi persoal, no que o vocalista asume a autoría tanto da música como das letras de todas as cancións. Sobre o escenario estará acompañado dunha banda conformada por Manu Rey na batería, Pachi Cruz no baixo, Rubén Cores na guitarra, Fernando Calvo tamén na guitarra e Iria Iglesias nos teclados

Os billetes para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir nas plataformas  www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol). O prezo dos mesmos será en tódolos casos de 10 euros máis gastos de xestión.

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira dende hai 25 anos. Ademais de ser o vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou ademais co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP, Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. Un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza traballar en Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre o accidente cerebrovascular que o apartou temporalmente dos escenarios e o estudio. Logo do lanzamento do disco o pasado mes de maio, da súa presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará finalmente o vindeiro 3 de febreiro a súa agardada xira polas salas de concertos e teatros de Galicia.