O cuarteto muradán The Rapants comeza 2024 coa publicación de “Blaster W4u”, o primeiro sinxelo do que será o seu novo álbum de estudio. Este próximo traballo da banda de indie rock levará como título La máquina del buen rollo e verá a luz na primavera. O adianto está xa dispoñible para a súa escoita nas principais plataformas dixitais de distribución musical, e sirve como mostra das creacións que o grupo muradano desvlará este ano e presentará nos seus xa celebres directos. A banda percorrerá en 2024 non só as salas de concertos de todo o Estado, senón tamén o escenario de festivais como o Portamérica, o Osa do Mar, o OurenSound Fest ou o EmigraSON.
“Blaster W4u” vén acompañado dun videoclip protagonizado polos catro membros do grupo, Matías, Samuel, Xanma e Xaquín, ademais de pola bailarina Iria Veiga. A peza audiovisual, producida por La Bellavista e dirixida por Juan Barbazán e Whyso, rodouse no pasado mes de decembro en distintas localizacións da vila natal do cuarteto, Muros, como o seu porto, logo dunha convocatoria á que asistiron máis de 400 persoas.
“Foi moi emocionante ver a tanta xente de Muros implicada na gravación coa súa participación, apoio e achegas”, expón o grupo. “A rodaxe foi incrible, énchenos de orgullo, e cousas coma esta dan moita forza para seguir adiante”, engaden. A estrea do vídeo, na que simulan a cerimonia de despedida dun mariñeiro, produciuse en Youtube o mércores 24 de xaneiro, o día antes do lanzamento do sinxelo. Os de Muros xa están a preparar a rodaxe do seguinte videoclip do disco.
Os membros da banda definen “Blaster W4u” como “un tema moi animado e bailongo, unha peza moi discotequera e que fixemos especificamente para morrear”. “Queriamos arrincar cunha canción animada e cunha letra moi nosa, e esta é unha boa carta de presentación do que está por vir neste 2024”, sinalan. A letra comeza facendo referencia a Blaster, un coñecido local da noite compostelá: “Eu sigo en Blaster waiting for you, na Luna eras menos complicada, cántoche temas para reír porque toda esta música está inventada”.
A saída deste novo tema chega pouco máis dun mes despois da de “Campana contra campana”, a canción na que a banda de Muros presenta a súa versión, ao máis puro “estilo rapante”, dalgunhas das panxoliñas máis coñecidas polo público. O seu correspondente videoclip, gravado nos Estudos Mans da Coruña, mostra aos catro membros do grupo interpretando o tema rodeados de escenografía festiva.
“Campana contra campana” fora o primeiro sinxelo que os rapaces de The Rapants publicaron tras o lanzamento do seu álbum de 2023 O corasón como un after, o LP que os levou por salas e festivais toda Galicia e os volveu un dos nomes máis destacados da escena. Agora só queda agardar para ver onde lles levará este novo La máquina del buen rollo, despois dun 2023 no que deron 40 concertos e que supuxo o despegue definitivo do grupo.