O III concurso de bandas Bateason deu comezo á súa fase de inscrición, dirixida a grupos procedentes de todo o territorio galego. Dita fase de inscrición permanecerá aberta ata o 10 de febreiro, a mesma data na que se darán a coñecer os nomes das bandas afortunadas que serán finalistas do mesmo. Tanto as bases do proceso como o formulario de inscrición atópanse na páxina web do concurso, http://www.bateason.es
O certame está organizado polo CIFP Audiovisual de Vigo (tamén coñecido como IES Audiovisual de Vigo e anteriormente como EAV), e leva numerosas edicións ás súas costas, xa sexa baixo este nome ou baixo denominacións previas como a de Sonomusic. En todo caso, a súa encarnación actual xurdiu no ano 2022, da man dun grupo de estudantes e profesoras de produción e realización do centro. Dende o alumnado animan “a todas as bandas de calquera estilo musical a que se inscriban no III Bateason”, un concurso que pretende “dar a coñecer novos talentos musicais galegos e crear un espazo de visibilidade e difusión para a escea musical galega”. Na súa edición do ano anterior, as finalistas resultaron ser Gracias por Nada (na foto de portada), Filtro, Connectica, El 4º Sentido e Cartelle.

A final do concurso celebrarase o vindeiro día 7 de marzo, xoves, no auditorio do CIFP Audiovisual de Vigo, e contará cun xurado formado, explican, por profesionais do sector musical, que outorgarán tres premios aos gañadores. Entre os premios, que aínda non foron anunciados oficialmente na súa totalidade, poderemos atopar “a gravación dunha maqueta e a actuación nunha coñecida sala viguesa”. Ao igual que o ano pasado, a gravación será nada menos que no coñecido estudio vigués Planta Sónica, e a actuación, na Fábrica de Chocolate, entidades ambas que volven formar parte dos patrocinadores do evento na edición deste ano. Poden participar no concurso bandas con 2 ou máis integrantes cuxos membros superen en todos os casos os 18 anos de idade, que deberán presentar dous temas propios sen límite de tempo.
