A banda de screamo e post-rock pontevedresa Insire Nome anuncia o lanzamento póstumo do que será o seu derradeiro traballo tras a súa separación hai cinco meses. Logo dun último esforzo despois da disolución, Insire Nome autoeditará este novo disco, un EP chamado Agarimo, o vindeiro día 1 de marzo, venres. Segundo explica o cantante e guitarrista do grupo, Melo, o EP está adicado á súa falecida avoa, “quen inspirou en gran medida as letras das cancións que conforman o repertorio deste proxecto”. A data de lanzamento foi precisamente escollida para conmemorar o seu cabodano, que será igualmente en marzo.
Insire Nome comezou a súa andaina en 2021 como proxecto en solitario de Melo, membro tamén doutras bandas como o quinteto vigués de hardcore pesado Tear Me Apart. Ao comezar 2022 tivo a oportunidade de gravar o seu primeiro EP como proxecto de clase no CIFP Audiovisual de Vigo. Este traballo chamouse Non Volverá: catro cancións de screamo e post-rock con letras centradas na temática do desamor. Foi durante a gravación de Non Volverá cando o proxecto pasou ser un dúo formado por Melo na guitarra e a voz e Isma, membro tamén do cuarteto emo vigués Diving Through Jellyfishes, na batería.
Máis adiante, e logo de varios cambios na formación, a aliñación de Insire Nome asentaríase coa incorporación de Mateo, procedente da xa desaparecida banda de metal alternativo vimiancesa Teima, no baixo e nos coros. Esta tivo lugar xusto despois de que a banda rematase de gravar o seu segundo EP, Nu e Só. O traballo, gravado novamente nos estudios do CIFP Audiovisual de Vigo, afonda na fórmula screamo e post-rock xa empregada en Non Volverá pero, en palabras da banda, esta vez “executada con maior precisión e de maneira máis ambiciosa”. A temática das letras abarca a introspección, as inseguridades dun mesmo, a amizade e, novamente o desamor.
Despois de dar varios concertos en centros sociais, bares e outros espazos, no verán produciuse a disolución da agrupación. Porén, lonxe de sentirse satisfeitos, o grupo decidiu lanzar como testamento un derradeiro traballo, este Agarimo, cuxos temas xa tiñan interpretado en directo. Este disco afástase un chisco do son propio de Insire Nome ata o momento, incorporando segundo sinala o grupo elementos musicais propios da escena midwest emo á súa receta orixinal de screamo e post-rock. As letras xiran nesta ocasión en torno a dor, a depresión e, especialmente, a morte.
