MJ Pérez lanza “Barco á deriva”, canción á que lle seguirá unha xira para celebrar 10 anos de carreira

MJ Pérez acaba de lanzar o seu novo sinxelo “Barco á deriva”, acompañado dun videoclip rodado na Ribeira Sacra. Este lanzamento é o punto de partida dunha nova etapa na carreira da artista arzuá, que iniciará unha xira cun novo directo para celebrar o 10º aniversario do seu proxecto musical. Trátase dunha canción que, en palabras da cantautora, “pon o foco na situación actual e na frustración dunha xeración que loita, dende a precariedade, por un futuro que semella non chegar nunca”.

Con “Barco á deriva”, MJ volve musicalmente ás súas orixes, pero “cun aire totalmente renovado” froito dos seus 10 anos de traxectoria, sinala. Así, aprendizaxe e madurez únense neste tema principalmente pop rock con coidados arranxos, que pretende ser “toda unha viaxe de emocións para o oínte”. “A peza simboliza un bucle en si mesma, pois é un tema tan completo coma cíclico, xa que comeza como acaba”, explica a arzuá.

“Xeración barco á deriva nunha noite sen final” reza a letra. Esta nace da frustración da propia artista e do seu entorno, ó sentir “como a súa xeración traballa e loita a diario por facer a súa vida, por sacar todo adiante e por atopar o seu lugar; queren labrar un futuro, pero a medida que pasan os anos, e a pesar do esforzo, isto é tremendamente complicado”. As dificuldades no acceso a vivienda, as diferentes crises económicas e sanitarias sufridas, a suba dos prezos… Son un cúmulo de factores que ao longo destes anos golpean principalmente a unha xeración que “non pode facer moito máis que limitarse a sobrevivir”, explica a artista.

“Nadando na precariedade, o tempo avanza sen opcións nin esperanza, e como di a canción, semella que nada cambiará”, sinala. Mais, a pesar do aparente negativismo, “a realidade é que Barco á deriva é un berro; un desafogo, unha reivindicación, unha posta en valor de que, pese a frustración, esta é unha xeración que segue adiante con todo”. A canción é resultado dunha produción a tres mans, entre Iago Blanco de Drum&Roll Studios, Peter Petrowski (Ezetaerre) e a propia MJ Pérez, e conta tamén coa participación do guitarrista Alberto Romero. A peza audiovisual que completa “Barco á deriva” está integramente rodada na Ribeira Sacra. De feito, a contorna e a súa calma son protagonistas principais nun videoclip no que MJ Pérez presenta a soidade “coma un dos elementos principais, así coma a énfase desa sensación de estar perdida e sen rumbo”.

É a mesma artista quen protagoniza esa sensación de angustia; faino en paisaxes recoñecibles coma o Dolme de Abuime no Concello de O Saviñao, o Santuario de Fátima en Chantada, a Illa de Maiorga e Porcís en Pantón, e o Penedo do Garabullo de Carballedo. Todas eles, elementos esenciais dentro da narrativa tanto da canción coma da propia metraxe. Este videoclip, con MJ Pérez e Pablo Lomba na produción executiva, conta con Iago Vilarinho como director de fotografía e Gustavo Dieste na dirección artística, tamén xunto con Pablo Lomba.

Con “Barco á deriva”, MJ Pérez inaugura un 2024 cargado de cambios. Tras despedir o álbum A Luz Prendida o pasado 2023, este ano celebra unha década de traxectoria musical presentando sobre os escenarios X+I, Xira 10º Aniversario; unha proposta “realmente especial” para a cantante. Con ela recuperará os temas máis destacados da súa traxectoria e os presentará ante o público cun aire “completamente renovado, deixando espazo tamén para todo o novo que está a chegar”. A banda estará composta por Alberto Romero á guitarra, Iván Bernárdez ao baixo e Mauro Gómez á batería. Serán os encargados de arroupar no escenario a MJ Pérez, que volve deste xeito a unha formación semellante á dos seus inicios.

MJ Pérez durante a gravación do novo videoclip

MJ Pérez é unha das máis destacadas cantautoras do panorama galego actual. Aprende a tocar a guitarra aos 14 anos e ao pouco tempo compón os seus primeiros temas, mais non é ata o 2014 que inicia a sua actividade como artista. Un ano antes, no 2013, MJ participa nun obradoiro de poesía impartido por Yolanda Castaño que marca un punto de inflexión no seu camiño. É neste momento cando a autora comeza a compoñer dun xeito máis activo e unicamente en galego. Alén disto, alí coñece a artistas como Mercedes Leobalde, Luisa Abad ou Lidia Bao, coas que colaborará tempo despois. Dende entón acumula máis de 150 concertos por toda Galicia, e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

MJ desenvolve así a súa faceta musical á par que a súa formación académica; graduouse en Comunicación Audiovisual pola UDC e fixo o Mestrado de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA). É por isto polo que, entre outras cousas, a artista é moi activa no eido da comunicación e do audiovisual. Produce os seus propios videoclips, sendo varios deles seleccionados en diferentes festivais de cine galegos como o Festival de Cans, o OUFF de Ourense ou o Curtas Armadiña. Ademais, compuxo a música para a peza audiovisual Ao Vento (da que é coautora) e colaborou no documental Vieiros de Esperanza, centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero. Intervén tamén noutras pezas audiovisuais desempeñando diversos labores.

MJ iniciou o seu percorrido discográfico con Ollos que non ven, síntoma de cegueira, un traballo autoeditado de 10 temas que a artista compartiu paulatinamente a través da rede, na plataforma Bandcamp, a medida que o gravaba. Da man deste traballo chegaron as primeiras actuacións en diversos recitais de xeito puntual. No 2014 inicia a súa actividade dun xeito máis firme, chegando a rematar o ano con máis de 15 concertos en diferentes puntos de Galicia. Tamén acompaña a Mercedes Leobalde nas diversas presentacións do seu libro de poemas Chamádeme Eva. Máis adiante fará o mesmo coa súa obra Funambulistas.

O punto máis destacable ata este momento na traxectoria da artista foi a súa participación no I Certame de Canción de Autor en Galego organizado polo Concello de Teo, do que foi finalista xunto a outras artistas coma Nastasia Zürcher, Sofía Espiñeira ou Alba María. O ano 2015 foi tamén clave para MJ, pois trouxo consigo un novo disco: Guerrilleira, co que fixo un concerto especial de adianto en Linda Rama, A Coruña, e que sacou á luz oficialmente o 25 de xullo dese mesmo ano. Aumenta o seu número de concertos anuais e chega estar presente en festivais como o Noroeste Pop Rock da Coruña.

No 2016 continúa a xira de Guerrilleira, levando o álbum por toda Galicia tanto en formato banda como dúo actústico. Remata o ano acadando o segundo posto no VII Concurso Musical da Deputación da Coruña, hoxe denominado Premio Narf da Música, no que participou xunto con grupos como Bala, The Trunks ou Jamie Fifthring. Tamén presenta o videoclip e sinxelo “A Peza Solta”, coa colaboración da poeta coruñesa Lidia Bao e de toda a súa banda na gravación do tema en estudio.

En 2017, MJ continúa complementando a habitual xira de concertos coa súa participación no mundo da poesía: acompaña a Luisa Abad en diversas presentacións do seu poemario Limaduras de Prata. Neste momento, MJ acaba de presentar o seu terceiro traballo discográfico, Casandra, o seu primeiro álbum de estudio completo, que marca un novo punto de inflexión na súa traxectoria. Trátase dun álbum que une diferentes estilos e que destaca non só pola evolución musical da artista, senón tamén pola participación da súa banda e de colaboracións especiais como Serj, Martiño Cabarcos, Ailén Kendelman, Paco Cerdeira e Richi Casás. Remata o ano como gañadora do concurso Xuventude Crea 2017 na categoría de música, un premio que compartiu con Aida Blanco, sendo ambas seguidas polos tamén premiados Dioivo, Grupo Postal, AtDeTon e Brotasol.

Con Casandra, MJ inicia unha longa xira que foi dende finais do 2017 ata finais do 2019, ano no que resulta finalista dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor/a. Volvería selo tamén no ano 2020, e gañaría finalmente o premio da categoría no 2021. A cantautora continúa mentres tanto sumando novos retos á súa andaina: dá os seus primeiros concertos en Portugal, e por fin consegue facer realidade o seu desexo de crear un primeiro tema en portugués, “Vai Embora!”, que non sería nin moito menos o único da súa carreira.

Neste mesmo ano, polo 24 de febreiro, Día de Rosalía, MJ decidiu facer o experimento de xuntar a Rosalía de Castro e á cantante catalá Rosalía. Isto deu como resultado “Malaxente”, unha canción na que mestura o poema “Castellanos de Castilla” co coñecido tema da catalá “Malamente”. O vídeo da canción fíxose viral, con centos de miles de reproducións en diferentes redes sociais. Boa conta disto deu a prensa tanto a nivel galego coma estatal. O ano culmina coa obtención do premio Youtubeir@s 2019 á Eficiencia Comunicativa.

MJ inicia o 2020 presentando o seu cuarto e ata o momento último álbum A Luz Prendida, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a súa esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case integramente nos Drum & Roll Studios da Coruña con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González. A arzuá xirou sen descanso co disco baixo o brazo por salas e festivais ata o 2023, e agora comeza esta nova etapa precisamente para celebrar os seus 10 anos sobre as táboas.