A produtora independente galega Toxo Verde, formada por Clara Seco e José Pereira, presenta o seu novo proxecto, as Sesións de Sobremesa. Estas sesións consistirán nunha serie de temas interpretados en directo en formato acústico por diversas bandas galegas que traballan coa produtora, sendo a primeira delas a ponteareá Exeria. Os temas irán acompañados do seu correspondente video recollendo a actuación ao vivo, na liña de formatos tan populares como o Tiny Desk do programa de radio estadounidense All Songs Considered de NPR Music.
O obxectivo de Toxo Verde con estas sesións é o de “achegar ao público eses momentos de sobremesa onde nacen cancións, ideas e conversas nas que todos pensamos que podemos cambiar o mundo”, nun ambiente distendido e íntimo. Con este propósito gravaron a primeira sesión con Exeria no restaurante Rías Baixas Tapería de Ponteareas, da man de Damián Mo de Lufs Studios como encargado do son. Nela, o cuarteto de rock alternativo estivo acompañado polas pandeiretas e cantareiras Coral Alonso, Carolina Rodríguez e Sara Alfaya, que lle deron o toque tradicional galego ás cancións.
2023 foi un ano moi productivo para Exeria, xa que nel tocaron por toda Galicia, gañaron o concurso de bandas do Trece Roeis Fest e publicaron os temas “Un novo nome” e “Ata que sexamos reis”, acompañados por videoclips que tiveron unha grande acollida. “Este ano vai ser aínda mais axitado, con moitos directos e novos lanzamentos”, sinalan dende a banda. Ao longo do 2024 presentarán o que será o seu primeiro EP, que levará como título Sobre a independencia e estará dispoñible proximamente. Polo momento, as cancións da sesión xa están dispoñibles tanto en Youtube como noutras plataformas dixitais de música.
Na súa Sesión de Sobremesa, os ponteareáns presentaron dous novos temas, “Proletario” e “Xa está mal”. “Proletario”, por unha banda, é “unha homenaxe a loita diaria dos referentes que temos no noso dia a dia, como familiares, amigos ou coñecidos con actitudes valentes e empoderadoras”, sinalan dende a banda. “Dende o traballo desinteresado das asociacions culturais ou ecoloxistas, pasando polo de toda a xente que loita por manter vivas a nosas tradicions e raíces, calquera acción para mellorar o noso mundo ben merece un canto”, engaden.

“Xa está mal”, por outra banda, fálanos “das actitudes ante os grandes males da nosa época”. “O cinismo, o desánimo e a pasividade son comúns na nosa vida cotiá, e se ben sufrimos e sufriremos estas problemáticas, non hai solucions sinxelas a problemas complexos”, apuntan. A banda estará presentando tanto esta faceta acústica como as propias Sesións de Sobremesa de Toxo Verde ao vivo en Discos Elepé, local histórico de Vigo con mais de 40 anos de existencia ás súas costas.
Este concerto acústico servirá como punto de inicio do que será unha xira de 2024 ben cargada de numerosos directos que dentro de pouco anunciarán. Terá lugar en sesión vermú, ás 12:30 da mañá do sábado 24 de febreiro no local da coñecida tenda de discos, situado na rúa Doutor Cadaval número 35. A entrada será de balde. Dende Toxo Verde convidan a todas as persoas que poidan estar interesadas “a desfrutar deste novo proxecto”.