O festival Sinsal, coñecido polo seu cartaz secreto, volverá á illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo

O Festival Sinsal da illa de San Simón, en Redondela, celebrará a súa nova edición os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento é ben coñecido polo seu cartaz secreto, que o público só descubre ao desembarcar na illa. Un ano máis volverá ofrecer unha programación caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das artistas participantes.

O festival ten gañado a pulso a súa reputación de ser un dos encontros musicais máis singulares do panorama estatal. Cada ano ofrece a un público reducido, dunhas 800 persoas por día, a posibilidade de gozar de música contemporánea punteira nun entorno fermoso da ría de Vigo, o do pequeno arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Neste 2024, a programación de Sinsal desenvolverase en cinco escenarios distribuídos noutros tantos puntos das illas. Máis de 20 bandas e solistas de distintos estilos musicais e procedencias, chegando tanto de Galicia coma doutras rexións de Europa, África, Asia ou América, actuarán nos palcos deste festival pioneiro do cartaz secreto no país.

Dende os seus inicios, o festival Sinsal presentouse como “unha iniciativa cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional”. A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas de carácter divulgativo coa fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón, ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental ou á recuperación dos arquivos sonoros.

En relación con isto último, o festival ten anunciado que xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón 2023, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival polo experto neste formato Aleks Kolkowski. Os primeiros audios, que se acompañan ademais dunha peza audiovisual, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio.

Estas sesións forman parte das actividades paralelas do festival, e nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartaz. Consisten no rexistro dunha canción de dous minutos nun cilindro de cera, o primeiro soporte musical físico que existiu e que tivo o seu apoxeo a finais do século XIX e a principios do XX. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente. As gravacións en vídeo que acompañan ás cancións correron a cargo do cineasta vigués Álex Cancelo. Polo momento xa están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7.