Ti que vas fazer é o terceiro disco da banda compostelá de folk punk en galego Tecor Societário. O traballo inclúe un total de oito cortes, que foron gravados e mesturados por José Aller no estudio de gravación Garageland de Marín. “As cancións foron producidas en varias series, cun obxectivo dobre: sacar varios sinxelos ao longo do 2023 e experimentar con distintas posibilidades sonoras”, sinalan dende Tecor Societário. O primeiro destes adiantos foi “Vai por vós”, unha homenaxe aos movementos sociais galegos que chegou en xaneiro do pasado 2023. “Con todo, o disco está concibido coma unha unidade e continúa o estilo tradicional da banda”, engaden.
Tecor Societário decidiu de novo combinar temas propios con versións de clásicos da nosa música, como “Companheiro Daniel” de Suso Vaamonde, do que sacaron un lyric video hai uns meses, ou a tradicional “Palmira”, adaptada polo grupo neste disco co título de “Lola” e unha nova letra. Esta vontade de conxugar o tradicional co moderno e co reivindicativo reflíctese na propia portada do traballo, que serve como homenaxe á recompilación Gaita Armada impulsada no seu momento polo centro social autoxestionado compostelán A Gentalha do Pichel.
En todo caso, a banda aposta de novo por un punk potente e rápido con gran protagonismo dos instrumentos da música tradicional, algo que se pode apreciar dende os primeiros segundos de “Ti que vas fazer”, a canción que abre e dá nome ao disco. As letras seguen a mesma liña que as do anterior álbum da banda, Caça Maior (2021): combinan a crítica social coas homenaxes a “figuras sinaladas dentro da historia da Galiza rebelde”. O álbum pecha con retranca co tema “Ai vam”, unha canción sobre “as dotes de estacionamento dos veraneantes mesetarios nos portos e praias galegas”. A banda presentará ao vivo o traballo proximamente en Redondela, Sarria, Burela, Compostela e Coruña, como se pode ver nas súas redes sociais.