The Rapants segue a colleitar éxitos co seu novo álbum La Máquina del Buen Rollo

O cuarteto muradán The Rapants vén de publicar o seu terceiro LP, La Máquina del Buen Rollo: un disco “ateigado de chiscadelas á vida muradá que convida, desde o primeiro e até o noveno tema, a bailar sen pausa”, explican dende a propia banda. Xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais, nas que está a conseguir unhas impresionantes cifras de centos de miles de escoitas. Isto non sorprende de todo, pois vai en liña coa traxectoria indiscutiblemente ascendente do grupo, que dende o lanzamento no pasado 2023 de O Corasón como un After semella imparable.

Rock, pop, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita La Máquina del Buen Rollo, un traballo gravado o pasado outono nos estudios de Paco Loco en Puerto de Santa María, Cádiz. O produtor, un dos máis célebres do mundo indie a nivel estatal dende os anos 90, axudou á banda “a ultimar os detalles dun disco no que cada tema ten entidade propia”, destacan os muradáns. Desde os sintetizadores de “Meu cariño” até as guitarras distorsionadas de “Tuenti”, pasando polas reminiscencias disco da adianto “Blaster w4u” ou o estilo vintage de “Novio imaginario”, a banda fai gala de todo o seu arsenal nun traballo que ten como obxectivo reproducir o ambiente dos seus afamados directos.

Na portada do álbum aparece nada menos que o Saltamontes, a archicoñecida atracción de feira, porque “este disco é como as festas de San Pedro de Muros e cada tema é unha atracción”, sinala a banda; “un saltón musical que prende as luces para bailar sen parar”. “É un fiel retrato do que somos nós e da música que facemos, de todo co que nos identificamos, de todas as nosas influencias e, especialmente, do que somos e de onde vimos”, engaden. Polo tanto, a súa vila, Muros, está moi ben representada nas letras das cancións, especialmente en temas como “Blaster w4u” ou “Chusma riders”.

A portada do álbum

Outro dos temas máis destacados do disco é “Rue Franklin”, o segundo adianto que sacaron do mesmo, que contou coa colaboración de Sara Faro de Fillas de Cassandra na autoría da letra. O nome da canción rende homenaxe a unha vía de Bruxelas ben coñecida pola banda, explican. Trátase dun tema de esencia disco, dando continuidade á liña marcada por “Blaster w4u”, pero cun toque máis rockeiro e enérxico. Conta cun videoclip, dirixido nesta ocasión por Manu Seoane, no que os catro membros do grupo e as protagonistas interpretadas por Eva Ramudo e José Santamaría viaxan desde o salvaxe oeste até os anos 80.

Tamén destacan cancións como “Country asesino” ou “Cando pensa en min”, que pecha o traballo coa colaboración de Nuno Pico de Grande Amore na letra do tema. Ademais de poder ser escoitado nas plataformas dixitais, o disco pode ser adquirido fisicamente nos concertos do grupo. Despois de esgotar as entradas para dúas datas na Sala Capitol a pasada fin de semana, a 15 minutos de saír e a algo máis dunha hora de saír respectivamente, a banda atópase embarcada nunha xira por diferentes puntos do Estado, que a partir de maio converterase nunha xira por festivais galegos: xa está anunciada a súa presenza no Ourensound, no Portamérica, no Surfing The Lérez, no SonRías Baixas ou no Osa do Mar.

“Este é o disco que sempre quixemos facer”, aseveran Matías, Samu, Xanma e Xaquín, ao definir La máquina del buen rollo como “unha aprendizaxe colectiva” da que salientan a evolución do seu son. Ao fío, recoñecen o labor minucioso de Paco Loco á hora de axudalos a localizar e plasmar “eses sons e arranxos que, ás veces, tiñamos na mente e que grazas á súa experiencia fixeronse posibles”. “Paco Loco é unha eminencia no eido da produción musical e deu coa agulla de marear á hora de sacar o mellor de nós como músicos, todo o que aprendimos e vivimos con el nunca o esqueceremos”, din.

The Rapants leva dende 2018 en activo, mesturando estilos como o indie pop, o rock de garaxe e o disco. 2023 foi o ano da súa eclosión definitiva, cun total de 38 concertos polas principais salas e festivais do noroeste peninsular que demostraron que falamos dunha das formacións máis destacadas do panorama musical galego do momento. La Máquina del Buen Rollo é o seu terceiro álbum, continuando o camiño iniciado en Cariña de Raposo (2019) e O Corasón como un After (2023). As distincións obtidas en certames como os Premios Min ou os Premios Mestre Mateo da Musica certifican así mesmo o seu ascenso na escena.