O quinteto vigués Isius lanza o sinxelo “Sertraline”, primeiro adianto do que será o cuarto traballo de estudio da banda. Foi gravado, xunto ao resto do novo disco, nos míticos estudios Abbey Road de Londres, e precisamente a portada do sinxelo fai referencia aos míticos carteis que están colocados na entrada de cada unha das súas salas de gravación e que rezan “Do not enter when red light is on”. A banda levaba detrás de Abbey Road dende 2020, cando o estalido da pandemia impediu que mandaran masterizar alí o seu segundo disco Fox & Castle. En 2022 a idea de gravar o disco ao completo alí comezou coller forma, aínda que a axenda de directos da banda impediu que o traballo comezase ata o pasado mes de decembro.

Isius foi fundada por José Viqueira, exmembro de Free Serena, e a súa muller Nuria Moreu, cando en torno a 2010 comezaron lanzar de xeito independente sinxelos de estilo indie folk escritos por ambos; José facía a música e Nuria as letras. Co tempo, o proxecto comezou transformarse nun grupo completo e máis eléctrico, coa gravación do seu primeiro álbum Songs from Everywhere nos estudios do mítico produtor de indie Paco Loco en Cádiz (eses nos que The Rapants acaban de gravar o seu novo disco). Nuria Moreu deicidiu non acompañar ao grupo no seu novo periplo como banda de directo, e o grupo está actualmente formado por Jacobo de San Claudio, Alejandro Enríquez, Carlos Gil, Edu Romero e o propio José Viqueira.
O novo traballo do quinteto, que levará por título Studio 2 en referencia a la sala de Abbey Road donde fue gravado, verá a luz esta primavera baixo o selo de Ernie Records. Esta discográfica naceu precisamente para lanzar os discos de Free Serena, o anterior grupo de José, a principios dos anos 2000. Dende o selo sinalan que o disco é “un cambio de rumbo, un disco no que a banda se reinventa presentando o seu novo concepto de música, máis cañero, con máis guitarras e con temas máis curtos que non superan os dous minutos de duración”. “Power pop capaz de axudarnos a desconectar, capaz de facernos gozar”, afirman.
O álbum foi gravado en directo, todos á vez, ao máis puro estilo dos primeiros álbums deses Beatles que gravaron en Abbey Road tantas lendarias cancións. Con isto, Isius buscou “priorizar a enerxía que conseguen tocando xuntos, a forza, a frescura, a intensidade do directo, sen trampa nin cartón”. A banda optou por deixar a un lado a gravación pista por pista co obxectivo de obter “un son máis cru e real”. O membro do grupo Carlos Gil estivo á fronte da produción, e Chris Bolster encargouse da gravación e a mestura.
“Sertraline” pretende ser, pois, unha “carta de presentación” deste novo traballo en apenas 1:56 minutos de duración. “Conta, en poucas palabras, a necesidade que ten un personaxe ficticio de consumir Sertralina para afrontar unha infidelidade”, explican dende Ernie Records en referencia ao coñecido antidepresivo. “É abafadora, unha combinación sublime entre o ruído e a melodía onde quereremos quedar a vivir”, engaden. Para completar a experiencia, Isius acompaña o tema dun videoclip que reflicte o seu periplo londiniense.
Studio 2 será presentado ao vivo por Isius en Radar Studios, Vigo, o día 24 de maio. A apertura de portas será ás 20:30 e a entrada terá un prezo de 10€ anticipada. Ao día seguinte, o 25 de maio, a banda fará o propio na sala Mardi Gras da Coruña. Nesa ocasión, as portas da sala abriranse ás 22:30, e de novo o prezo da entrada será de 10€ anticipada.