A nova banda de power metal Spellborn debuta co videoclip “Facing the evil”

“Facing the evil” é o primeiro tema da nova banda galega de power metal Spellborn, formada por coñecidos membros da escena deste estilo en Galicia. O sinxelo foi lanzado o pasado martes día 2 de abril, cun videoclip que xa se pode ver na súa canle de youtube. O vídeo foi gravado por Emi Ramírez e a súa produtora Fatal Films no mítico Tronko Bar de Pontevedra, onde a banda aparece interpretando o tema.

As machadas da banda as poñen Anxo Silva (baixo) e Diego Sanjorge (guitarra), membros tamén da banda de heavy metal e power metal viguesa Iron Hunter, á que tamén pertence, de feito, o director do videoclip Emi Ramírez como vocalista. Diego, ademais, forma parte doutras bandas de metal e de diferentes estilos, tendo tamén un proxecto de metal instrumental en solitario chamado Sanjorge.

A voz de Spellborn corre a cargo de Deibys Artigas, tamén vocalista da banda de versións galega Claxxon e que conta cunha ampla traxectoria en diferentes grupos da súa Venezuela natal. Completan a formación Pepón á batería e Manu Arroyo no piano e nos teclados. O seu primeiro tema foi gravado, mesturado e masterizado polo coñecido guitarrista de metal ourensán José Rubio (EvilHunter, Ronnie Romero, ex-Nova Era, ex-José Andrëa y Uróboros, ex-Warcry…) nos seus MeigaSound Studios de Castrelo de Miño.

Esta canción serve, explica a propia banda, “como carta de presentación e un anticipo do que está por vir”. Integra “riffs contundentes, pasaxes cheas de virtuosismo e medios tempos nos que imperan as melodías da voz”, sinalan dende Spellborn. A canción “seguro será do agrado dos fans do xénero, en especial daqueles que teñen preferencia por un estilo un pouco máis internacional”, engaden.