Grampoder presenta este venres na Sala Sónar de Compostela o seu novo LP, Amuleto

O dúo compostelán Grampoder presentará este venres, día 3 de maio, o seu terceiro LP, Amuleto. Será na Sala Sónar de Compostela ás 22:00, con entradas a 10€, dispoñibles para a súa venda anticipada na Reixa Tenda. Xa se pode escoitar o disco nas principais plataformas de streaming dende o venres 26 de abril, e tamén hai copias físicas do mesmo en vinilo de 180 gramos, que se poden encargar escribindo ao seu enderezo de correo electrónico grampoder@gmail.com

Este dúo de guitarra e batería fundado en 2010 está formado por Martiño Suárez Fraga, Martin Wu, á guitarra e á voz, e Roi Fernández, LeRoi, á batería. Ambos músicos son ben coñecidos nesa escena compostelá que ten a súa orixe no panorama hardcore punk de principios dos anos 90. Martin Wu formou parte, de feito, dunha das bandas insignia daqueles anos, Fame Neghra; entrou no grupo a mediados da década e aportou trompeta e coros ao seu álbum O Neno Carburador (1998), no que xa mudaran o seu estilo cara un punk rock máis accesible. En xeral, a maioría de membros destas agrupacións hardcore compostelás que editaban co selo Lixo Urbano (entre as que atopamos tamén a Samesugas, Dirty Barriguitas ou Fulsomes) pasarían a fundar novos grupos e/ou a tocar estilos máis suaves, como o power pop de The Homens, no que coincidiron, ao longo de toda a súa traxectoria iniciada en 2004, Martin e LeRoi. Este foi parte tamén de bandas como Stay Pretty, Matto Grosso ou Malraio, polo xeral como baixista e vocalista.

Os dous multiinstrumentistas fundaron Grampoder co obxectivo de “aproveitar ao máximo os recursos dunha formación mínima”. De feito, xa non é só que sexan un dúo (aínda que é certo que Martiño fai soar a súa guitarra a través de dous amplificadores, un de guitarra e outro de baixo), senón que a batería que emprega LeRoi é de por si moi minimalista; só está composta de caixa, timbal base, crash e ride, sen bombo nin charles. Con estas ferramentas pretenden, nas súas palabras, exercer “de notarios dunha xeración”, retratando “con melodía e furia” as súas frustracións.

Nos seus comezos, cando lanzaron o disco Golf Whiskey (2013), o son do grupo era “próximo ao folk americano e ao tropicalismo”, para logo dar paso, en PM (2022) a un rock escuro e eléctrico. Agora, con este Amuleto, os composteláns afondan nas súas obsesións: “o tedio vital, a traizón de baixa intensidade aos principios propios, o doloroso paso do tempo e a posición do individuo fronte a un mundo que o impulsa a unha vida irracional e insatisfactoria”, explican.

As cancións de Amuleto, gravadas por Jacobo Iglesias e Adrián Longart nos Estudios Potemkin de Compostela, “débenlle tanto á dark wave dos oitenta coma ao blues clásico ou o indie noventeiro”. Adaptables no seu formato, Grampoder despregan un directo “intenso e moi físico, unha montaña rusa de intensidades que explora o punto no que se encontran o rock máis ruidoso coa melodía e a rabia coa resignación”. Antes do lanzamento do álbum xa presentaran un adianto do mesmo, “4AM: penso en ti”, acompañado dun videoclip gravado na costa de Ferrol.