Comeza a sétima edición do Festival RESIS da Coruña

O Festival RESIS de música clásica contemporánea, organizado pola Asociación Cultural AÏS, dá comezo á súa sétima edición, de novo, na Coruña. O programa deste ano inclúe diversos concertos e actividades que se desenvolverán ata o día 9 de xuño en distintos espazos da cidade, e mesmo fóra de Galicia, con dúas citas en Roma e en Madrid. Serán en total 10 concertos, 8 deles estreas absolutas, ademais dunha exposición e outros eventos paralelos, como a terceira edición do proxecto didáctico inclusivo “A Proxección Sonora III”.

A primeira cita do festival foi o pasado venres 3 de maio na Fundación Luís Seoane, coa inauguración da exposición Y Su Sangre Ya Viene Cantando, unha «cronoloxía poética» do legado de Luigi Nono (1924 1990); un dos compositores máis importantes do panorama musical europeo do pasado século a quen o Festival RESIS rende homenaxe no centenario do seu nacemento. A exposición foi acompañada dunha actuación de Niño de Elche e Miguel Álvarez-Fernández, que presentaron Y, Entonces (Variaciones Canónicas sobre Luigi Nono).

A mostra inclúe materiais cedidos pola Fundación Federico García Lorca (autor a quen Nono adicou varios epitafios musicais), o Centro Federico García Lorca, a Fondazione Archivio Luigi Nono, o Arquivo Ricordi de Milán e o Centro Galego de Arte Contemporánea. A exposición, de feito, leva o nome dunha das pezas que Nono lle dedicou a Lorca. A influencia da poesía do granadino (un autor moi vencellado a Galicia) foi unha constante durante a vida do compositor veneciano, que creou en torno ao poeta unha figura case mítica onde o poder da arte triunfaba sobre o drama da guerra. Ademais, a exposición presenta tres proxectos inéditos realizados polas artistas Marta Azparren, Marcelo Expósito e Andrea Valdés. Poderá ser visitada ata o día 3 de setembro nas instalacións da Fundación Luís Seoane.

O Festival contará con diversos directores, músicos e agrupacións internacionais de primeiro nivel, como o director holandés Bas Wiegers, o cuarteto inglés Arditti, ou a agrupación galega Arxis Ensemble, entre outros. Ademais, interpretaranse pezas de compositores e compositoras contemporáneos de recoñecido prestixio internacional, como o galego Eduardo Soutullo, a inglesa Rebecca Saunders, o italiano Salvatore Sciarrino ou o xaponés Toshio Hosokawa.

Os concertos terán lugar, ademais de na Fundación Luís Seoane, no Museo de Belas Artes da Coruña, na Domus, no Museo Nacional de Arte e tecnoloxía Muncyt, no Auditorio Afundación, no Paraninfo do Reitorado da UDC, no Palacio da Ópera, na Fábrica de Tabacos e no Teatro Colón. A todo isto súmanse as dúas citas fóra da cidade, que serán na Real Academia de España en Roma e no Círculo de Belas Artes de Madrid. As entradas dos eventos serán sempre gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou presencialmente no quiosco da praza de Ourense.