O festival de metal Arcanxo anuncia o seu cartaz por días

O novo festival de metal Arcanxo celebrarase os días 19 e 20 de xullo no lugar da Freixa da parroquia de Ribadetea, en Ponteareas. O evento acaba de anunciar nas súas redes sociais a distribución por días das bandas que tocaran nel, así como de poñer á venda as correspondentes entradas de día na súa web. A primeira xornada será encabezada pola banda española de thrash metal fundada no ano 2000 Angelus Apatrida e a lendaria formación de crossover thrash brasileira Ratos de Porão, en activo dende 1981. A segunda terá como protagonistas á agrupación sueca de heavy metal e speed metal Enforcer e á belga de speed/thrash Evil Invaders.

O Arcanxo celebrará deste xeito a súa primeira edición, sumándose como membro máis novo á nada desprezable lista de grandes festivais galegos de metal do verán. Ademais do archicoñecido Resurrection Fest, contan cun cartaz moi potente este ano o Alén Metal Fest de Vilagarcía de Arousa, que estará encabezado por outra lenda thrash como é Onslaught, e o Kanekas de Cangas do Morrazo, aclamado de xeito unánime en redes por contar entre outras con Cancer, Cryptopsy ou Primordial. En conxunto podemos falar dunha oferta moi ampla e de calidade para as seguidoras e seguidores do xénero.

O evento promovido por ITP Promotions, 138 Producións e We Play Metal contará tamén con catro bandas estatais, concretamente Rise to Fall, Brothers Till We Day, As Life Burns e Aneuma (procedente esta última do Concello historicamente galegofalante de Navia, cercano á fronteira da provincia de Lugo), e con cinco bandas de Galicia. Os guardeses de Milhomes, os vigueses de Mano de Piedra e os coruñeses de Strikeback subirán ao escenario do Arcanxo o venres 19 de xuño, mentres que os soutomaiorenses de Balmog e os vigueses de Cochambre o farán o sábado 20. Para poder desfrutar de ambas xornadas haberá acampada de balde.