O Alén Metal Fest de Vilagarcía de Arousa presenta o seu cartel completo

O Alén Metal Fest celebrará, o día 6 de xullo, unha nova edición no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa, co que seguramente sexa o seu cartaz máis potente ata o momento. A lenda do thrash metal inglés Onslaught será o prato forte dun festi que contará tamén cos galegos de Raze e Brutal e mais con Okkultist e Savaged, chegados doutros puntos da península. Unha vez máis, a entrada aos concertos será totalmente de balde, algo moi de agradecer por parte do público nunha das citas metaleiras máis destacadas do verán galego.

A presencia de Onslaught, banda de Bristol que comezou a súa carreira en 1982 mesturando o hardcore d-beat e o thrash de temática ocultista (o seu primeiro álbum Power from Hell é un hito fundamental da xestación do black metal), supón todo un salto cara adiante para o festival. O evento sempre se ten caracterizado por atractivos carteis encabezados nos últimos anos por bandas galegas e estatais de primeiro nivel, como Bloodhunter, Trallery ou Aphonnic; pero coa presencia dunha banda clásica como é Onslaught convértese de xeito definitivo nunha data absolutamente ineludible.

Resulta inevitable comparar o Alén coa outra gran cita de balde do verán metaleiro, o Kanekas de Cangas do Morrazo, e co salto que este experimentou a partir de 2022 ao contar nos seus cartaces con nomes como os de Incantation ou Sinister. Este ano, o festival cangués contará con bandas míticas dos noventa como Cancer, Cryptopsy e Primordial, ademais de con grandes artistas estatais e galegos, polo que ambas citas se complementan entre si á perfección. Non hai que esquecer, tampouco, que outras bandas de estilo e época similares visitarán Galicia este verán, pois Ratos de Porão estará no Arcanxo Festival de Ponteareas; e Machine Head, Megadeth, Cro-Mags, Fear Factory ou Biohazard, no Resurrection Fest de Viveiro.

O quinteto pontevedrés de metalcore Brutal fará no festival unha das paradas da xira de presentación do seu novo álbum, 22820, lanzado a finais do pasado ano 2023. O cuarteto pontés de thrash metal Raze, por outra banda, aínda que leva sen sacar traballo de estudio como tal dende o lanzamento o EP Grave for the Weak en 2020, sorprendeunos en 2023 co sinxelo «Into the coven». Este novo temazo de puro thrash da banda, que conta nas súas filas con membros de Strikeback, Pro-fugu, Kowloon ou Zelion, é perfecto para quecer o ambiente antes da chegada de Onslaught. Os portugueses Okkultist, co seu death metal, e os cataláns Savaged, co seu heavy e speed metal, completan o cartaz.